Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CEDEIRA ACENDERÁ AS LUCES DE NADAL O DÍA 5, CON PANXOLIÑAS INTERPRETADAS POR MÚSICOS LOCAIS

Usuarios e usuarias da asociación Apader encargaranse un ano máis do acendido das luces de Nadal en Cedeira, un xesto co que o Concello subliña o forte vencello que ten este colectivo coa vila. Será o vindeiro día 5 de decembro, ás 18.15h e coincidindo co solpor, na praza do Peixe, onde estará situada unha árbore de luces transitable de 15 metros de altura.

O acto terá animación musical autóctona. A asociación Lugares Comúns, máis concretamente a profesora e o alumnado de violín, brindáronse a coordinar a interpretación de diferentes panxoliñas por parte de todos os músicos da localidade que queiran sumarse, nenos e nenas ou adultos. É coñecida a grande afección que ten Cedeira pola música e as moitas persoas que tocan algún instrumento, de maneira que a entidade citada está a repartir partituras e organizar un ensaio -as persoas interesadas teñen que chamar ao número 634 960 056-.

O alumeado de Nadal disposto polo Concello terá de novo teitos de luces nas rúas Real e do Cristo, no casco vello, así como na alameda. A praza da Marieta contará tamén cun elemento singular, un grande oso; na rotonda da praza de Galicia repetirá a estrela do ano pasado con algúns renos, e haberá luces decorativas no parque dos Patos e no de San Isidro, así como na praza Roxa. Un ano máis a iluminación estará presente nas sete parroquias, ainda que será máis profusa na vila para darlle pulo á campaña comercial.

Precisamente, a iluminación de nadal coincidirá cunha nova campaña de dinamización do comercio local, que entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro repartirá aos seus clientes vales para entrar no sorteo de premios por valor de 3.300€. Como en anos anteriores, o Concello aporta a cantidade que se vai repartir nun primeiro premio de 500€, un segundo de 300€, seis de 200€ e outros 13 de 100€, todos en cheques canxeables nas tendas participantes. É habitual que esta campaña de comercio teña unha enorme acollida e que participen máis de 170 establecementos da localidade, de todo tipo.

Back to top