Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CEDEIRA TERÁ CONEXIÓNS MÓBILES MÁIS RÁPIDAS E CON MELLOR COBERTURA COA DESPREGADURA DAS REDES 4G E 5G

As operadoras de telefonía móbil, Telefónica, Vodafone e Orange, realizarán durante as próximas semanas en Cedeira o proceso de implantación dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, 4G e 5G, sobre as bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, o que permitirá á poboación gozar de conexións móbiles de alta velocidade cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica. Para garantir a compatibilidade da nova tecnoloxía coa televisión dixital terrestre (TDT), Chega700 é a entidade posta en marcha polos operadores para solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión.

O proceso de implantación está a realizarse de forma paulatina por toda a xeografía nacional. Para comprobar as localidades onde xa están activos estes servizos pódese consultar a seguinte ligazón: https://www.chega700.es/contacto_mapa.php

A despregadura enmárcase no establecido no Real Decreto 579/2019, do 11 de outubro, a partir do cal se procedeu á liberación das frecuencias entre 694 e 790 MHz (canles 49 ao 60 de UHF) que ata entón empregábanse para a recepción da Televisión Dixital Terrestre, proceso tamén coñecido como Segundo Dividendo Dixital. A partir de entón, ditas frecuencias foron asignadas ás operadoras de telefonía móbil para prestar os seus servizos de telefonía móbil de nova xeración.

A rede de telefonía móbil de nova xeración introduce dúas melloras fundamentais. A primeira é a solvencia dos diversos problemas relacionados con orografías complicadas presentes na xeografía española onde tradicionalmente fallaba a cobertura. A segunda, é a gran penetración en zonas interiores dos edificios.

Porén, a implantación destes novos servizos pode afectar á TDT. Aquelas persoas que teñan este problema deberán chamar ao teléfono gratuíto 900 833 999 -web www.chega700.es– para que o persoal técnico acuda a correxilos sen custo algún.

Back to top