O PLENO DO CONCELLO DE CEDEIRA APROBOU A ADXUDICACIÓN DO NOVO SISTEMA DE XESTIÓN DO LIXO
O pleno da corporación de Cedeira aprobou na sesión plenaria celebrada este mércores a adxudicación da xestión do novo sistema de recollida de residuos sólidos urbanos e a limpeza viaria, por un importe de 8.171.738€, á empresa Hallkuss Corporation. Chega, con este contrato, a modernización destes servizos tan importantes para a poboación, entre outras cousas coa implantación dos colectores marróns e dos camións de carga lateral. O alcalde Pablo Diego Moreda Gil destaca que a veciñanza vai ter unha recollida máis eficiente e apunta que a vixencia limitada do contrato, por dez anos improrrogables, garante que no futuro poderá adecuarse ás novas necesidades.
A oferta da adxudicataria supón unha baixa de algo máis do 6% sobre o prezo de partida, así como melloras respecto ás esixencias do prego de condicións en canto ao porcentaxe de renovación do parque de contedores e ás xornadas de traballo ao ano. A sinatura do novo contrato significa un paso adiante importante para Cedeira en canto á separación dos residuos, que redunda no coidado do medio ambiente, e tamén nas frecuencias de recollida e limpeza.
Entran en funcionamento os novos contedores marróns, nos que a cidadanía deberá depositar exclusivamente os biorresiduos. O Concello aproveitou as axudas europeas dispoñibles para mercar 125 colectores que estiveron almacenados ata o de agora, agardando a necesaria contratación para o seu despliegue. Realizarase unha campaña de información e sensibilización, con reparto de chaves e outros materiais, para que os fogares de Cedeira poidan facer un correcto uso destes novos depósitos. A recollida realizarase dous días por semana habitualmente, e un día máis en tempada alta (do 15 de xuño ao 15 de setembro).
Coas novas frecuencias, recollerase a fracción “resto” seis días á semana na zona urbana e dous na rural, pasando a sete e tres, respectivamente, durante a tempada alta; o vidro (iglú verde) retirarase cada quince días, pasando a cada sete na tempada alta; e habilitaranse cinco puntos de acopio de plásticos agrícolas no municipio, que se recollerán catro veces ao ano.
Para voluminosos e residuos de aparellos electrónicos e eléctricos, funcionará un rexistro de solicitudes co que se coordinará a ruta de recollida do camión. Traballarase cun camión de caixa aberta de pequenas dimensións que facilitará o paso por zonas estreitas. O actual Punto Limpo ampliará o seu horario, abrindo un día máis (catro horas) cada semana, e a empresa adxudicataria xestionará tamén un punto limpo móbil, que itinerará polas parroquias, e dous mini puntos limpos de proximidade.
En canto aos envases lixeiros (contedor amarelo), vaciaranse dúas veces cada semana nas zonas urbana e periurbana, pasando a tres en tampada alta, mentres que na zona rural farase unha vez, aumentando a dúas no verán. A recollida do papel-cartón do contedor azul será unha vez por semana en todo o municipio e a frecuencia aumentará durante a tempada alta a dúas retiradas semanais na zona urbana. Tamén funcionará a recollida de cartón porta a porta, para os comercios, dúas veces por semana.
Unha das grandes novidades é a implantación dos contedores de carga lateral, cuxa recollida permite máis rapidez e seguridade para as persoas que traballan no servizo, así como menor ruído na operación e a ocupación de menos espazo na rúa. A empresa concesionaria incorporará un novo camión compactador adaptado a estes colectores, así como outro de carga traseira, un camión satélite para zonas de difícil acceso, unha varredoira e outros materiais e vehículos para garantir a correcta prestación do servizo.
Os camións de recollida estarán equipados cun sistema GPS, que servirá para comprobar a realización das rutas e a súa optimización. O contrato establece tamén frecuencias para o lavado de contedores e papeleiras.
O contrato abrangue a realización de xornadas de servizo especial de recollida de lixo en festas e eventos, o mesmo que na limpeza viaria, que se organiza por sectores, con frecuencias que varían entre seis días á semana a unha, segundo as necesidades e densidade de poboación. Establécese tamén un servizo de garda para situacións de fenómenos meteorolóxicos adversos. O barrido das rúas será manual e mecánico, con pasada do camión de baldeo. Inclúese a limpeza de pintadas, entre outros servizos.
Coa posta en funcionamento do novo sistema renovarase o 50% do actual parque de contedores -o prego esixía cambiar o 20%, é unha das melloras ofrecidas pola empresa- e incorporaranse 355 novos de carga lateral.
O prego establece que a nova empresa subrogará a todo o plantel actual, formado por 21 persoas, 19 delas con xornada completa.