Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO RECORDA QUE TEN CONTRATADO UN ESTUDO TÉCNICO SOBRE O PAVIMENTO DO CASCO VELLO

O Concello de Cedeira contratou no mes de agosto ao Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia a realización dun estudo sobre o deterioro que sofren as baldosas do casco vello coa finalidade de aportar unha solución definitiva a este problema. O último pleno ordinario, ao que o grupo do PP levou esta cuestión, serviu ao goberno municipal para recordar a situación na que está o asunto e explicarllo directamente á veciñanza que acudiu como público.

“Entendemos o malestar da xente que pasa por aí a diario e sofre o mal estado do pavimento, e así llo explicamos no pleno”, comentou Moreda. “Pero non podemos seguir a investir en arranxos puntuais, poñendo baldosas que logo se volven levantar”, explicou. O goberno municipal quere transmitir calma e confianza á veciñanza, “que teñan a garantía de que estamos a procurar unha solución a longo prazo”.

A Fundación do Centro Tecnolóxico de Granito de Galicia realizou xa entre abril e maio unha visita inicial á zona e revisou a documentación da mesma, para propoñer un plan de actuacións que é o que está en marcha. Para realizar o seu estudio van facer ensaios e catas in situ, así como outras probas en laboratorio.

Tras a análise dos resultados redactará o seu informe, no que se incluirán propostas de actuación e un estudio concreto de seguridade polo risco de esvaramento. Tal como se informou no mes de agosto, o contrato ten un custo de 11.1165€ (IVE incluído) e con anterioridade a chegar ao acordo co Centro Tecnolóxico o goberno municipal estudou outras propostas.

Back to top