O CONCELLO DE CEDEIRA SACA A CONCURSO A CONCESIÓN DO “CHIRINGUITO” DA PRAIA DA MADALENA
O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente para a concesión da cafetería e anexos da área recreativa do paseo da praia da Madalena, o coñecido “chiringuito”, para un prazo mínimo de dous anos, ampliable ata un máximo de cinco. O establecemento, que o Concello arranxou en 2021 para poñelo de novo en servizo tras algúns anos parado, adoita estar moi animado durante o verán tanto pola súa situación, a pé do areal, como pola organización de concertos e outras actividades, unha cuestión que se valora no prego de condicións.
O chiringuito está situado á altura do número 59 do Camiño Real. Conta cun local de madeira, con 90 metros cadrados, no que están a cafetería (barra e zona de consumición), así como cociña, almacén e os baños masculino e feminino. A concesión abrangue tamén a terraza, de 150 metros cadrados de superficie.
Nos pregos de condicións establécese un canon anual mínimo de 767€, así como unha serie de criterios a valorar para a concesión. Entre eles está a presentación dun proxecto de decoración do local, o emprego de dispositivos de aforro enerxético, a organización de actividades culturais e de lecer, a disposición dunha zona wifi ou unha páxina web.
Como mínimo, o servizo de bar-cafetería deberá funcionar desde o 1 de xuño ao 30 de setembro, durnate a Semana Santa e tamén o 15 de maio, polas festas de San Isidro. O resto do ano a apertura non será obrigatoria, a non ser que se incluia na oferta. O establecemento poderá establecer un día de descanso á semana, nos períodos de apertura obrigatoria, agás venres, sábado e domingo.
O 5 de xullo é a data límite para a presentación das ofertas.