Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE ADESTRAMENTO DEPORTIVO ESPECIALIZADO (CADE)

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de contratación da obra de construción do Centro de Adestramento Deportivo Especializado (CADE), que ocupará un edificio de nova planta nunha parcela ata o de agora valeira e contigua ao Polideportivo Municipal. A actuación ten un orzamento de 689.799,50€, que a administración local vai afrontar contando cunha axuda de 344.899,75€, do Fondo Adicional de Cooperación Local para investimentos de carácter estratéxico, e as empresas intesadas teñen ata o vindeiro día 29 de decembro para presentar as súas ofertas.

O CADE ocupará un inmoble dotado de soto, un andar e baixocuberta, con tellado a dúas augas e planta rectangular. Será un espazo complementario ás outras instalacións deportivas de Cedeira e especialmente orientado ao adestramento de alto rendemento en remo e triatlón. O baixo albergará vestíbulo con zona de recepción, mostrador, control de usuarios, zona de espera, vestiarios adaptados e unha zona de entrenamento de remo con maquinaria xeral e específica.

No primeiro piso estará a zona de entrenamento de triatlón, con bicicletas de rodillo e estáticas, vestiario, sauna e sala de musculación con máquinas para realizar exercicios de forza e cardio. O baixocuberta funcionará como almacén e acollerá instalacións do edificio. En total, o centro terá preto de 300 metros cadrados de superficie útil para o deporte, aos que se suman outros 117 no baixocuberta.

O procedemento de licitación é aberto simplificado e o prazo de execución das obras é de 12 meses, ainda que nos criterios de adxudicación está, xunto co prezo e outros, a redución de dito prazo.

O goberno local de Cedeira mantén desde hai anos unha política decidida de apoio ao deporte, que se ten materializado xa en numerosos investimentos. Xunto co CADE, se está a tramitar actualmente o convenio de colaboración coa Deputación que permitirá facer realidade a ampliación da piscina municipal, así como a autorización de Costas para levantar na zona portuaria unha nave de 300 metros cadrados para embarcacións do Club de Remo. O Concello vén de recepcionar tamén a dixitalización da piscina municipal, un proxecto que introduce a instalación na Rede EPIC (Red Española de Piscinas Inteligentes Conectadas) da Federación de Natación.

Back to top