Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ACENDE O VENRES AS LUCES DUN NADAL QUE TERÁ DE NOVO ATRACCIÓNS NO POLIDEPORTIVO

O Concello de Cedeira acenderá este venres, da man dos usuarios e usuarias de Apader, as luces dun Nadal no que de novo se vai repetir a fórmula que tanto éxito ten desde hai xa varios anos: o Polideportivo Municipal acollerá atraccións e xogos para toda a familia durante as vacacións escolares, facilitando a conciliación e o ocio a cuberto nunhas datas nas que a meteoroloxía adoita ser complicada. Cómpre recordar que está aberta a inscrición para o Campamento Concilia Nadal, que se vai desenvolver polas mañás nas instalacións do CEIP Nicolás do Río, mentres que o Polideportivo abrirá as portas polas tardes, con entrada e acceso gratuítos a inchables e outras atraccións.

A cita deste venres co acendido das luces será ás 18.15h na praza do Peixe, na que estará situada unha árbore de luces transitable de 15 metros de altura. Para a ocasión, a asociación Lugares Comúns coordinou a colaboración de veciños e veciñas que tocan diferentes instrumentos e que ofrecerán un concerto popular de panxoliñas. Coincidirá o acendido das luces cun encontro artesán organizado tamén pola asociación Lugares Comúns, que reunirá no paseo da Mariña a artistas e talentos locais coas súas realizacións.

Co acendido das luces comezará a campaña de Nadal do comercio local, que vai repartir vales ás persoas que realicen compras entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro, para participar no sorteo de vales de compra por un valor total de 3.300€. Como en anos anteriores, o Concello aporta a cantidade que se vai repartir nun primeiro premio de 500€, un segundo de 300€, seis de 200€ e outros 13 de 100€, todos en cheques canxeables nas tendas participantes.

Por outra banda, mañá xoves o Auditorio de Cedeira acollerá, ás 19.00h, a funcion de danza “Coa cabeza nas nubes”, inicialmente programado no marco do Festival de Artes Escénicas e que houbo que adiar ata esta data. A compañía Söa creou este espectáculo, dirixido a un público familiar, que trata do xogo no seu estado de máxima pureza e do adulto que olvidou que algunha vez atrás tamén xogou.

Back to top