Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CAMPO MUNICIPAL DO BECO CHÁMASE DESDE O PASADO DÍA 16 DE “CARMEN MASEDA”

Un partido entre o equipo local e o de Cariño selou oficialmente o cambio de nome, unha homenaxe proposta polo club e apoiada unanimemente por todos os grupos da corporación municipal.

Foi unha ledicia compartir coa familia este acto, un merecido recoñecemento a querida “Carmiña, a madriña”. Deixámosvos aquí o escrito presentado polo Cedeira S.D. ao pleno, co esbozo de quen foi e o que significou para a entidade “𝐂𝐚𝐫𝐦𝐞𝐧 𝐌𝐚𝐬𝐞𝐝𝐚 𝐀𝐥𝐨𝐧𝐬𝐨, de Ortigueira e cedeiresa de corazón, recala no club Cedeira S.D. na tempada 1972-1973. Ata 1987 foi a madriña do clube, un título que ninguén máis ten. Non lle faltaban méritos para selo. Animaba, falaba cos árbitros, acompañaba ao equipo nos desprazamentos, prestábase a todo tipo de colaboración. En resume, era incansable.

Durante varios deses anos formou parte de distintas xuntas directivas e en xullo de 1987 converteuse na primeira muller e única ata o de agora, en presidir o clube, un cargo que desempeñou ata 1989. O seu labor foi recoñecido pola propia institución, que lle fixo un agasallo na tempada 1985-1986, e despois tamén polo Concello, que por unanimidade dos grupos políticos lle fixeron unha homenaxe en decembro de 1997.

​Carmiña foi todo para o Cedeira S.D., un símbolo para a entidade. A capacidade de traballo que tivo polo clube foi de admirar e cada ano ata o seu pasamento seguiu sendo socia.

Cremos que o nome “Campo Municipal Carmen Maseda” será un recoñecemento á figura de Carmiña e fará que permanezca sempre na memoria do club e na retina de todos os cedeireses”.
Back to top