O ALCALDE DE CEDEIRA VISITOU AS OBRAS DA PRAIA DA MADALENA CO SUBDELEGADO DO GOBERNO, JULIO ABALDE
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, visitou esta mañá as obras que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico está a realizar na praia da Madalena, en Cedeira, xunto co seu alcalde, Pablo Moreda Gil, e o concelleiro Noel López. As obras, iniciadas no pasado mes de abril e que están xa moi avanzadas, contan cun investimento de aproximadamente tres millóns de euros e teñen como obxectivo a rexeneración da praia e do seu espazo dunar asociado. “Este proxecto é unha mostra do compromiso do Goberno de España coa conservación do noso litoral, garantindo que praias como a da Madalena poidan afrontar os retos do cambio climático e seguir sendo un espazo natural e recreativo para todos”, destacou o subdelegado.
O proxecto pretende asegurar a súa estabilidade fronte aos fenómenos erosivos e reducir a súa vulnerabilidade fronte aos efectos do cambio climático, á vez que se recuperan os valores naturais propios dun espazo dunar. Para conseguir isto, estase a realizar unha reconstrución topográfica da zona costeira, incorporando uns 50.000 metros cúbicos de area procedente do Porto Exterior da Coruña. Esta intervención permitirá un ancho mínimo de praia seca de 30,5 metros na desembocadura do río Condomiñas e de 55 metros fronte á parte dunar máis afectada polos temporais. Desta forma, controlarase a regresión da liña de costa e protexerase a área urbana lindeira ao areal mediante a recuperación da función de defensa da praia, dotándoa dunha anchura que permita disipar de forma efectiva a enerxía da ondada durante a actuación dos temporais.
O proxecto tamén inclúe a construción de dous encauzamentos laterais: un espigón de escollera de 77,7 metros no río Condomiñas e un tratamento brando con empalizada de madeira no rego da Veiga. Ao final das obras, plantarase vexetación autóctona para estabilizar o cordón dunar e lograr un equilibrio dinámico natural.
Ademais, estase a crear un acceso peonil con pasarelas de madeira e unha empalizada que marcará o límite traseiro da duna, potenciando os usos lúdico-recreativos da praia. Todas as actuacións están supervisadas por un equipo especializado, que garante a correcta execución e realiza un seguimento ambiental para asegurar a consecución dos obxectivos previstos.
“Con esta actuación, o Goberno de España demostra que é posible combinar a protección ambiental co uso responsable e recreativo das nosas praias, asegurando a súa sustentabilidade a longo prazo”, concluíu Abalde.
Foi a primeira visita do subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, ao Concello de Cedeira, onde, ademais de inspeccionar as obras, tivo un momento para tratar conxuntamente co alcalde, Pablo Moreda, diversos temas de interese para o municipio.


