Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

NOVE ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS PARTICIPAN ESTA FIN DE SEMANA NO CERTAME “TAPAS DE OUTONO” DE CEDEIRA

Un total de nove establecementos de hostalería de Cedeira participarán a vindeira fin de semana, do venres 24 ao domingo 26, na sexta edición do certame “Tapas de Outono”. Cada un deles servirá un petisco co melloriño da súa cociña ao prezo de 3€ e o publico poderá votar e participar no sorteo dunha cea para dúas persoas.

Os establecementos participantes este ano son Finca Nogueira, Taberna Praza do Peixe, Hotel Os Cantís, Gastrobar O Amanexo, A Tenda do Jojó, Bon Pé Taberna, Mesón O Mesón, Cervexería Caña Aquí e o Restaurante Brisa. Servirán as súas tapas durante os servizos habituais de cociña, desde o venres pola noite ata o domingo ao mediodía.

Como é habitual, o público elixirá a mellor tapa cos seus votos, ao tempo que participa no sorteo dunha cea para dúas persoas. Segundo as bases deste ano, será preciso probar cinco das tapas que se presenten ao certame para poder votar, cubrindo co selo ou a sinatura de cada establecemento a tarxeta de votación. Nela adxudirán tres, dous e un puntos ás tres elaboracións que se consideren mellores. Cada persoa poderá emitir unha única papeleta nas caixas distribuidas polos establecimientos participantes.

Gañará o local que sume máis puntos –ou que obtivera máis votos de tres puntos en caso de empate e sempre que conte cun mínimo de 50 puntos-. Entre todas as tarxetas participantes sortearase unha cea para dúas persoas no establecemento que resulte gañador.

Back to top