JULIO ABALDE PARTICIPA EN CEDEIRA NO PECHE DOS ACTOS DE CELEBRACIÓN DE 50 ANOS DE LIBERDADE COA REPRESENTACIÓN DA OBRA DE TEATRO “AS ALUMNAS”
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde asistiu hoxe en Cedeira á representación da obra de teatro “As Alumnas”, da autora fenesa Paula Carballeira, nun acto celebrado no Auditorio Municipal coa participación de preto de 200 estudantes de ESO e Bacharelato. O subdelegado deu paso á función xunto co alcalde de Cedeira, Pablo Moreda.
A representación serviu como peche dos actos organizados pola Subdelegación do Goberno na Coruña no marco dos actos de conmemoración dos “50 anos de España en Liberdade”, impulsados pola Comisionada para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade.
Durante a súa intervención, Abalde destacou que “a cultura é unha ferramenta esencial para transmitir memoria, valores democráticos e espírito crítico ás novas xeracións”, e subliñou que esta obra “pon no centro a educación como base da liberdade, especialmente no caso das mulleres”.
A obra, interpretada por Mónica Caamaño e Anabel Gago baixo a dirección de Fina Calleja, reconstrúe o reencontro de dúas antigas alumnas da pedagoga coruñesa María Barbeito, e aborda cuestións como a renovación pedagóxica, a memoria histórica, o exilio interior e a sororidade. “As Alumnas” foi recoñecida co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 e co Premio Follas Novas 2023 á mellor obra de teatro.