GASTROMAR CEDEIRA. EXPOSICIÓN SOBRE AS XENTES DO MAR E O PESO DO SECTOR EN CEDEIRA
A partir de onte, 8 de outubro, estará situada na Praza da Marieta unha exposición de paneis sobre as xentes do mar e a importancia do sector na Vila.
Dar a coñecer o rol das xentes do mar na conservación do medio mariño, as oportunidades actuais do sector e a importancia de valorar e protexer o patrimonio e medio natural da contorna, son algúns dos principais obxectivos desta exposición de paneis, que estará ata o día 22 de outubro na Praza de A Marieta en Cedeira.
A identificación de elementos patrimoniais ligados ao mar como o Faro de Punta Robaleira ou o Castro Sarridal; as especies estrela da Lonxa de Cedeira, ademais da importancia concreta dos percebes e bivalvos ou a trazabilidade dos produtos do mar, son os temas centrais destes paneis de gran formato, con códigos QR que permitirán complementar a información alí proporcionada.
Esta é xa a última oportunidade para ver a exposición, unha mostra que funciona tamén como unha homenaxe aos oficios do mar e ás veciñas e veciños que, día tras día, fan do mar o seu fogar e a súa forma de vida. Un tributo á memoria colectiva e á forza das mans que traballan entre o sal, o vento e as mareas, mantendo viva a identidade mariñeira de Cedeira.
«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Ademais desta exposición de paneis, destacar as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais; guiados de rutas para o público xeral; sesión de cociña mariñeira para profesionais da hostalería local e tamén, accións de comunicación para a difusión das actividades do proxecto.
O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.
