CEDEIRA, UNHA DAS 18 LOCALIDADES DE ESPAÑA QUE ACADA ESTE ANO O TÍTULO “CIDADE AMIGA DA INFANCIA” DE UNICEF
Cedeira é unha das 18 entidades locais de toda España que veñen de convertirse en Cidades Amigas da Infancia de Unicef. O recoñecemento enche de orgullo ao goberno local, que leva anos traballando para abrir a política municipal á participación real e efectiva dos menores, tanto a través dos Orzamentos Participativos, dos que está a desenvolver a sexta edición, como da creación do Consello Local da Infancia e a Adolescencia Ondiñas na Vila, que xa levou tamén adiante os seus primeiros proxectos reais.
En España hai actualmente, con estas 18 novas incorporacións, 311 entidades locais dentro da rede de Unicef. É un distintivo con catro anos de vixencia e que significa a implementación de políticas que teñen en conta aos nenos e nenas. Unha Cidade Amiga da Infancia é un sistema de goberno local comprometido cos dereitos dos menores, segundo a Convención sobre os Dereitos do Neno, e que pon en marcha políticas que consideran non so as súas necesidades, senón directamente as súas demandas.
A participación é xa un emblema do Concello de Cedeira, que vai pola sexta edición dos orzamentos participativos -co alumnado do IES Punta Candieira decidindo cada ano o destino de 20.000€ do presuposto municipal-, e que creou a finais de 2023 o Consello Local da Infancia e a Adolescencia (CLIA) Ondiñas da Vila. A mesma dinámica está a dar os primeiros pasos noutros ámbitos, como foi nos últimos meses a primeira experiencia de escoita activa coas parroquias da zona rural, ou a próxima posta en marcha do Consello Sectorial de Memoria Democrática.
No último ano, o Concello cedeirés executou dúas iniciativas xurdidas directamente do CLIA Ondiñas da Vila: un ciclo de cine e un merendoiro no parque San Isidro. Hai poucos días, un grupo de oito destes representantes “políticos” da infancia local estiveron no Foro de Participación que Unicef celebrou no Hórreo, explicando a súa experiencia.
Tal e como comenta Noel López, concelleiro de Mocidade, é unha satisfacción grande acadar este recoñecemento, que desde o goberno local non se perseguiu como un obxectivo senón que é a consecuencia das políticas de participación dirixidas aos menores que se levan desenvolvendo desde o anterior mandato.
Noel López, xunto co alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, estarán en Madrid o vindeiro día 9 de decembro para recoller o distintivo, que terá vixencia ata o ano 2029 e que implica seguir traballando para dar voz e decisión aos nenos e nenas sobre o presente e o futuro do seu pobo.