RESPIRA CEDEIRA. RUTAS GUIADAS POLO LITORAL DE CEDEIRA
Dende este xoves 30 de outubro ata o próximo domingo 9 de novembro levaranse a cabo catro tipos de rutas guiadas gratuítas sobre Cedeira coas seguintes temáticas: o mar, o patrimonio, a ornitoloxía e a contaminación. As inscricións deberán realizarse a través do seguinte formulario: https://forms.gle/P3fd68cfCUxQKThd9.
O Concello de Cedeira ofrece durante as seguintes semanas varias visitas guiadas gratuítas nas que promocionar actividades de natureza para a posta en valor das características diferenciais do territorio litoral.
As rutas preséntanse como unha alternativa de ocio activo para a poboación local e visitante con diferentes perfís. Estas mesturarán a divulgación sobre diferentes temáticas de interese do litoral, a posta en valor dos recursos da contorna e o turismo activo. Contarán con guías especializados, distintas opcións de datas e horarios, e é precisa a inscrición a través do seguinte formulario: https://forms.gle/P3fd68cfCUxQKThd9.
Estas rutas xirarán entorno a catro temáticas: a biodiversidade do litoral para poñer en valor da flora e fauna do Concello (ZEC – Costa Ártabra e a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro -); a actividade mariñeira para dar a coñecer os espazos do litoral nos que se leva a cabo a actividade extractiva, zonas produtivas, espazos nos que se traballaba antigamente ou zonas emblemáticas da actividade mariñeira, así como detallar os procesos de traballo dalgúns colectivos do mar; a concienciación da contaminación para facer fincapé na dimensión da problemática e en como afecta ao medio e os recursos naturais, traballarase dende un punto de vista creativo coa fotografía como ferramenta para dar visibilidade ao problema nas zonas máis afectadas; e, por último, o patrimonio do mar para dar a coñecer todo o patrimonio vinculado á costa, construcións, edificios ou espazos que contan unha parte da historia local pasada e presente vinculada ao mar.
O proxecto “Respira Cedeira” ten como obxectivo promocionar o patrimonio de Cedeira dende distintos ámbitos, creando produtos turísticos sostibles que axuden a desestacionalizar a actividade turística, crear relacións positivas co entorno e repercutir positivamente no desenvolvemento local. Foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.