O CONCELLO DE CEDEIRA INCORPORA Á FLOTA DE VEHÍCULOS MUNICIPAL UN CAMIÓN CON GUINDASTRE
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a primeira tenente de alcalde, María José Pernas, recibiron esta mañá o novo camión con guindastre adquirido polo Concello para mellorar a súa flota de vehículos e prestar servizos de coidado do medio ambiente. A subministración adxudicouse recentemente por 123.504,70€ (IVE incluído), porén unha parte do investimento -67.558€- procede das axudas que lle corresponden ao municipio do Fondo de Compensación Ambiental, por acoller no seu territorio muíños eólicos e vías de evacuación.
O novo camión do Concello de Cedeira é de caixa aberta, de 7.500kg de peso, con basculante con dúas botellas, testeiro reforzado e con motor de 110kw e 2.800rpm. A empresa adxudicataria vai entregalo nos vindeiros días, con todos os permisos e requisitos necesarios para o seu uso.
O Concello de Cedeira non contaba ata o momento cun vehículo destas características e a súa incorporación á flota municipal vai facilitar o cumprimento das competencias propias en canto ao coidado dos parques e xardíns públicos e a xestión dos residuos sólidos urbanos, así como á necesidade de conservación e mantemento en condicións de seguridade dos múltiples camiños, pistas e parcelas de titularidade municipal, tanto rústicas como urbanas.
