GASTROMAR CEDEIRA. RUTAS GUIADAS MARIÑEIRAS EN CEDEIRA
Durante os días domingo 19 e martes 21 de outubro terán lugar as rutas guiadas gratuítas sobre o patrimonio mariñeiro e a importancia histórica do sector en Cedeira. As inscricións deberán realizarse por whatsApp a través do 621 25 14 90.
O Concello de Cedeira ofrece durante o mes de outubro dúas visitas guiadas gratuítas nas que promocionar e dar a coñecer o patrimonio natural e especialmente o marítimo pesqueiro da vila. Un dos principais obxectivos de esta actuación é a valorización dos oficios e do produto local pesqueiro, dando visibilidade os traballos das confrarías e a importancia histórica das mulleres nestes sectores.
Trátase dunha ruta de aproximadamente 6 quilómetros, de dificultade baixa e circular, comeza e remata na oficina de turismo de Cedeira. No percorrido, os asistentes coñecerán espazos destacados da vida mariñeira da vila coma a Confraría de pescadores, a Lonxa ou o Miradoiro Punta Sarridal, así coma outros lugares emblemáticos de Cedeira.
Para poder participar destas visitas será necesario inscribirse previamente a través do WhatsApp no 621 25 14 90, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas.
«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Entre estas actividades destacan tamén as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais,; exposicións exteriores sobre as xentes do mar, a gastronomía, o coidado e conservación do medio ou o consumo responsable; sesións formativas de cociña mariñeira para profesionais da hostalería local para o aproveitamento do produto e subproduto e a sensibilización sobre a emerxencia climática, e tamén, accións de comunicación para a difusión das actividades do proxecto.
O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.