Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GOBERNO LOCAL APOIA A MOBILIZACIÓN DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO ESIXINDO UNHA AULA MÁIS PARA SEXTO DE PRIMARIA

O goberno municipal de Cedeira súmase ás reivindicacións da ANPA Picapeixe, do CEIP Nicolás del Río, en demanda do incremento de grupos no centro para poder atender nas condicións adecuadas aos nenos e nenas matriculados en 6º curso de Primaria. A Anpa vén de convocar para este sábado, día 19, unha mobilización ás 20:00 con saída desde o propio centro escolar, coa que denuncia a “emerxencia educativa” na que se atopa. A situación é aínda peor -apuntan- que a que xa se rexistrou o pasado curso escolar e que se caracteriza pola redución de profesorado, a masificación das aulas e o posible recorte no número de coidadoras.

O goberno cedeirés apoia esta protesta e coincide na valoración que se fai desde a asociación de pais e nais. Esta denuncia que a Xunta negouse a aumentar o número de aulas para sexto de Primaria, deixando unicamente dous cando o número de alumnos e alumnas supera os 50 e contravindo, polo tanto, a propia lexislación educativa. A creación deste terceiro grupo -para o que hai espazo dispoñible no propio colexio, sosteñen- necesitaría un novo titor/titora e un profesor/a máis de Inglés, pero a Consellería pretende suplir estas carencias só coa dotación dun
profesor de apoio.

Para a Anpa a perda do novo profesor de Inglés “terá consecuencias nefastas na organización do centro e, sobre todo, na redución das seccións bilingües, que tan necesarias e valoradas son na nosa vila”.

Esta reclamación únese a outras que levan tempo denunciando, como a insuficiencia de apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais, e neste sentido expresan o seu temor de que a dotación actual de coidadoras se reduzca aínda máis.

PIcapeixe asegura que “estamos ante un ataque frontal á escola pública, rural e de calidade, desprezada, ignorada e esmorecida” curso tras curso pola Administración e pide á veciñanza de Cedeira que participe na movilización. “Temos que ser conscientes da importancia de atender as necesidades dos nenos e das nenas” -di a presidenta da Anpa, Eva Blanco- “porque diso depende o futuro da vila”.

Back to top