CEDEIRA SÚMASE Á REDE DE CONCELLOS CONTRA O CANCRO
O pleno de Cedeira aprobou na súa última reunión a adhesión á Rede de Concellos contra o Cancro, unha iniciativa da AECC na provincia da Coruña cuxo obxectivo é crear unha estrutura de cooperación estable, entre a entidade e as administracións locais, contando co apoio da Deputación. É un paso máis no firme compromiso do goberno municipal coa Asociación Española de Loita contra o Cancro e, en particular, coa dinámica xunta local que a entidade ten en Cedeira. A súa próxima actividade é o festival “Cedeira canta contra o cancro”, que vai ter lugar este sábado, ás 20.00h no Auditorio, e que contará coa actuación de diferentes grupos e artistas da localidade, encabezados pola recoñecida cantante Guadi Galego.
Coa adhesión á Rede de Concellos contra o Cancro, o Concello de Cedeira recoñece a importancia da prevencion da enfermidade, o acompañamento a pacientes e familias e a participación solidaria, e se compromete a promover iniciativas sostibles e responsables que contribúan a estes obxectivos. Entre elas está o fomento de espazos libres de fume, impulsar a colaboración ciudadana, contribuír a informar e difundir as accións desenvolvidas, colaborar para asegurar a continuidade das accións e a súa mellora no futuro, facilitar que toda a veciñanza teña acceso aos programas e recursos da asociación…
Cómpre recordar que Cedeira foi no ano 2024 un dos tres concellos da provincia que participou na experiencia piloto de poñer en marcha un Club de Saúde, impulsada pola AECC. É unha iniciativa de intervención sociocomunitaria especialmente dirigida ás contornas máis rurais e que segue activa a día de hoxe, como unha referencia para enfermos e familiares.
A Xunta Local da AECC en Cedeira promove ao longo do ano diferentes actividades, nas que conta sempre co apoio do Concello. Entre elas está a cadea humana que se desenvolve cada verán e a marcha popular contra o cancro, eventos que adoitan desenvolverse en verán. Este sábado terá lugar unha nota edición do festival “Cedeira canta contra o cancro”, que aproveita a enorme afección pola música que existe na localidade e a grande canteira de artistas e grupos de diferentes estilos. Ademáis de Guadi Galego, subirán ao escenario as Cantareiras de Buxainas e os grupos O Chilava, Los Eternos, Seavil, Mark Singleton e Os Benignos, así como un grupo de improvisación formado por xente da Escola de Música. As entradas custarán 5€ e a recadación destinarase á loita contra o cancro.