Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GALP A MARIÑA-ORTEGAL ORGANIZA ENCONTROS INFORMATIVOS SOBRE O PROXECTO FORMATIVO E DE EMPRENDEMENTO FEITO CO MAR

O sector pesqueiro e todas as persoas interesadas na formación e o emprendemento a través da transformación do produto do mar teñen unha cita nestes encontros informativos, nos que se presentarán os Viveiros Formativos de Emprendemento do proxecto Feito co Mar. Os primeiros encontros realizaranse en Viveiro, Cedeira e Foz.

Feito co Mar é un proxecto para fomentar o emprendemento a través da transformación do produto pesqueiro mediante elaboracións de peixes e mariscos como conservas, salgados, afumados, adubados, desecados, patés e pratos elaborados, poñendo o foco especialmente en prácticas artesanais.

Os Viveiros contan con dous programas formativos, un de iniciación e outro de profesionalización, que se celebrarán en 2027. Ambos os dous estarán orientados á formación práctica, á experimentación e ao acompañamento de proxectos de emprendemento e innovación.

As persoas que asistan a estes encontros previos coñecerán a programación detallada e as datas dos Viveiros. Tamén aprenderán, a través de exemplos prácticos, en que consisten os Espazos de Traballo Colaborativo como modelos de emprendemento. E poderán aclarar dúbidas, compartir ideas e reservar a súa praza nos programas formativos.

No encontro de Viveiro, o mércores 4 de novembro ás 17:00, porase o foco no sector pesqueiro, que é especialmente relevante en Feito co Mar. O proxecto ten como propósito principal valorizar a actividade pesqueira e potenciar a remuda xeracional coa creación de novas empresas e o impulso de actividades económicas de transformación dos produtos do mar.

Calendario de encontros

📅 VIVEIRO | Mércores 4 de novembro | 12:00 h
Salón de Plenos do Concello (Praza Maior, 1)

📅 VIVEIRO | Mércores 4 de novembro | 17:00 h
Salón de Plenos do Concello (Praza Maior, 1)

📅 CEDEIRA | Xoves 5 de novembro | 17:00 h
Auditorio de Cedeira (Rúa Convento, s/n)

📅 FOZ | Xoves 12 de novembro | 10:40 h
IES de Foz (Rúa Castelao, s/n)

O programa formativo

Os Viveiros están pensados para capacitar de maneira práctica na transformación e elaboración do produto pesqueiro, facendo prototipado de propostas de produtos pesqueiros transformados e elaborados, como conservas e pratos de V gama. Co obxectivo de garantir o maior éxito das iniciativas das persoas que se acheguen aos Viveiros, facilitaranse claves para o emprendemento de maneira colaborativa.

Nos diferentes módulos que se impartan nos cursos trataranse dende cuestións relacionadas coa normativa vixente, boas prácticas, técnicas ou procesos de elaboración axeitados, ata o envasado e etiquetado. Desenvolverase tamén un traballo de titorización dirixido a persoas e colectivos que, unha vez rematada a formación, precisen de apoio e asesoramento para facilitar a súa constitución como iniciativa de emprendemento.

A responsable do programa formativo será Carme Freire, que forma parte de ‘Daquí darredor’, un proxecto colaborativo para a transformación de alimentos agrícolas.

Rede de Espazos de Traballo Colaborativo

Dentro do proxecto, tamén se veñen realizando entrevistas cos concellos do territorio para animar a súa participación na dinamización dos Viveiros e tamén para a constitución de Espazos de Traballo Colaborativo enfocados á transformación de produto pesqueiro nos seus territorios. A dinamización deste tipo de espazos é outro dos obxectivos do proxecto que, en 2027, creará un piloto, a partir de experiencias como o Espazo de Traballo Colaborativo Monte Balado (Os Ánxeles. Brión) e unha proposta para a creación dunha Rede que articule estes espazos entre todos os GALP participantes.

Un proxecto dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro

O principal beneficiario de Feito co Mar será o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, aínda que se espera que tamén repercuta positivamente en estudantes de formación profesional, programas municipais de emprendemento, asociacións empresariais e persoas desempregadas, entre moitas outras.

Feito co Mar é unha iniciativa de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e está cofinanciada pola UE e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Os GALP participantes son: GALP Golfo Ártabro Norte (grupo coordinador), GALP Golfo Ártabro Sur, GALP A Mariña Ortegal, GALP Costa da Morte, GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra.

Back to top