Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

VOLVE O SAMAÍN A CEDEIRA: ACTIVIDADES NAS TARDES DO VENRES E O SÁBADO NO PASEO DA MARIÑA

O Paseo da Mariña de Cedeira convértese no cerne do Samaín máis tradicional este venres e o sábado, nos días anteriores á festa de defuntos, un ano máis co devezo de celebrar a festa como o facían os nosos avós, fuxindo dos artificios do halloween anglosaxón. A idea é tallar melóns e cabazas, fiar zonchos, compartir unha merendola, gozar dun espectáculo para o público familiar e compartir risas e sustos no popular pasarrúas polo casco vello.

As actividades comezarán o venres ás 17.30h nas carpas que estarán instaladas no paseo da Mariña. A partir desa hora desenvolverantes obradoiros de pintura, de zonchos e de coroas nos que poderán participar os nenos e nenas que o desexen. Ás 20.00h haberá un espectáculo musical e de teatro para o público familiar. Trátase de “A Casa do Terror”, no que Xoán Curiel e A Banda do Verán misturan ritmos rockeiros de bandas sonoras de películas de terror dos anos 50 e 60 con recursos teatrais. A proposta gañou o premio Martín Códax da Música Galega en 2019, na categoría de Mellor Música Infantil.

Cómpre apuntar que tamén na tarde do venres haberá outra actividade, ás 19.00h na Biblioteca Municipal de Cedeira. Será a presentación do libro “Migueliño no Samaín”, a cargo do seu autor Daniel Bustabad Pazos. O conto xira arredor da celebración do Samaín en Cedeira.

Ao día seguinte, o sábado 31, o programa comezará ás 17.00h. A partir desa hora pequenos e maiores poderán depositar as súas cabazas talladas na exposición, sempre chea de creatividade, que se vai ir montando. Desenvolveranse tamén obradoiros de tallado de cabazas e de maqueado, para que os nenos e nenas poidan preparar os seus calacús e caracterizarse como unha auténtica avisión. Nesta tarde de diversión tamén haberá merendola, con bola de azucre e requeixo.

Ás 20.30h, chegará o momento do pasarrúas de pantasmas, a hora na que cae a noite e non se prenden máis luces que as das candeas ou as lanternas. Pequenos e maiores xúntanse na praza da Marieta para iniciar un percorrido ás escuras polo casco vello, con moitos sustos e moitas risas.

O Concello de Cedeira organiza a festa coa Asociación de Amigos do Samaín e contando coa colaboración da asociación Buxainas, da Escola de Música, a Banda de Música e de moitos veciños e veciñas da vila involucrados coa autenticidade desta festa.

Back to top