Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CEDEIRA LICITA A COMPRA DUNHA MINIESCAVADORA PARA REALIZAR TRABALLOS DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS

O Concello de Cedeira vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación da subministración dunha miniescavadora e os seus implementos para actuacións de prevención de incendios forestais. A compra ten un orzamento de 60.521€ (IVE incluído), dos que 30.000€ se financiarán a través dunha subvención da Consellería de Presidencia. As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o vindeiro día 20.

É esta unha das actuacións que o goberno municipal vai financiar a través da incorporación de créditos, procedentes de remanentes do ano pasado, aprobada polo pleno en setembro. Contar con medios propios para realizar traballos de prevención dos incendios forestais é de suma importancia para un municipio como o de Cedeira, que ten un 60% de superficie forestal, cun destacado conxunto de montes de titularidade pública e gran parte deles con relieves especialmente escarpados, os da Serra da Capelada.

O concurso aberto polo Concello de Cedeira vai resolver a subministración dunha miniescavadora tipo Komatsu PC24MR-J, que é unha máquina moi versátil, cun consumo de combustible optimizado e capaz de moverse en espazos limitados. Levará cadeas de goma, para poder desplazarse sobre pavimentos sen dañalos, entre outros implementos que lle proporcionarán un alto rendemento. O vehículo pasará a formar parte do parque móbil municipal e facilitará traballos como a apertura e mantemento de faixas de biomasa, limpeza de pistas, conservación de drenaxes, mantemento de accesos a puntos de auga…

Cómpre recordar que o Concello reforzara xa o seu equipamento coa compra dun tractor con brazo desbrozador no ano 2021 e un camión con guindastre en 2025, operacións nas que investiu máis de 221.000€.

Back to top