Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ABRE A INSCRICIÓN NO DESFILE DE ENTROIDO, QUE TERÁ LUGAR O SÁBADO 14 DE FEBREIRO

O Concello de Cedeira publicou xa as bases do concurso de disfraces que convoca un ano máis para o Entroido. O desfile será o sábado 14 de febreiro, a partir das 18.00h, e xa está aberto o prazo para que as persoas que queiran participar realicen a súa inscrición nas categorías individual, parella, asociación ou centro educativo, grupos, comparsas e carrozas. Por terceiro ano consecutivo desde que se incrementou a dotación dos premios, repartiranse un total de 5.200€ entre os mellores de cada modalidade.

A inscrición estará aberta ata o día 12 de febreiro -hora límite ás 14.00h- e as bases poden consultarse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, onde tamén está para a súa descarga a solicitude que é preciso cubrir e presentar para participar. Nela especificarase a modalidade, que poden ser as seguintes:

  • Carroza: nesta categoría valórase o uso dun carro, plataforma ou elemento móbil en relación coa temática do disfrace. Ten un premio de 300€, que podería sumarse, no seu caso, aos das comparsas, grupos ou asociacións e centro educativo.
  • Comparsa: é a modalidade dos grupos que teñan como mínimo 10 persoas representando un mesmo motivo. Nesta categoría haberá tres premios de 1.200, 1.000 e 800€.
  • Grupo: para conxuntos de entre 3 e 9 persoas. Premios de 600, 400 e 300€.
  • Asociación ou centro educativo: esta modalidade vai dirixida a impulsar a participación de colectivos vinculados aos centros educativos ou asociacións de Cedeira. Require un mínimo de 10 persoas e que a maioría delas pertenzan ao colectivo que representan. A inscrición nesta modalidade é excluínte do resto. O premio é de 300€.
  • Parella: nesta categoría haberá un único premio de 200€.
  • Individual: dotado cun premio de 100€.

O desfile de disfraces será o sábado 14 de febreiro a partir das 18.00h, saíndo da zona da estación de autobuses. A comitiva irá pola avenida Castelao, dará a volta ás dúas pontes e rematará na praza Roxa. O xurado designado polo Concello valorará o vestiario, a maquillaxe, o traballo feito a man, o emprego de materiais de refugallo, a orixinalidade, a coreografía, letra e música empregada no desfile, a simpatía e o número de participantes.

Nas bases recoméndase ás modalidades colectivas que fagan ao longo do desfile varias actuacións, que poderán realizar tamén ao rematar na praza Roxa. Está previsto que arredor das 23.30h, tras a deliberación do xurado, se dea a coñecer o fallo. A continuación comezará unha verbena amenizada polo grupo La Conexión.

O programa de Entroido continuará en Cedeira os seguintes días. Cómpre sinalar que serán días non lectivos do luns 16 ao mércores 18 e que o martes 17 será festivo local. Así, o domingo, ao día seguinte do desfile, haberá xogos e obradoiros na praza Roxa. Para o luns 16, véspera do festivo local, desenvolverase unha verbena nocturna, a partir das 23.30h, coa orquestra Salsarena.

O Polideportivo Municipal acollerá o martes 17 as últimas actividades programadas desde o Concello. Desenvolveranse obradoiros e funcionarán atraccións inchables, de acceso gratuíto, entre as 17.00 e as 20.00h.

Pódese descargas as bases na seguinte ligazón así como a solicitude para participar:

VER PDF Bases Entroido 2026

VER PDF Anexo 1, solicitude para participar

Back to top