O CONCELLO DE CEDEIRA PRESENTA A PORTOS O PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DUNHA NAVE PARA ACTIVIDADES NÁUTICAS
O Concello de Cedeira vén de remitir a Portos de Galicia o proxecto técnico e a documentación complementaria da solicitude dunha concesión demanial para levantar unha nave de servizos para actividades náuticas. A administración local prevé construír un edificio de 300 metros cadrados -con planta rectangular de 15x20m- no que actualmente é zona de aparcadoiro, coa finalidade de servir como almacén de embarcacións e para albergar outros servizos especialmente orientados ao Club de Remo local. O orzamento da actuación é de 312.612,50€.
O lugar elixido está próximo á rampla pola que as embarcacións entran e saen do mar. Tal e como se especifica no proxecto técnico, a solicitude da concesión abrangue en total unha ocupación de terreos portuarios de 468m2, porque aunque inicialmente se van construír 300 en planta, a nave terá unha zona de servizo arredor e a previsión é completar máis adiante a instalación cunha zona cuberta no lado oeste. Toda esta zona de servizo para o Club de Remo estará circundada por unha beirarrúa -aproveitando en parte a xa existente na parte norte-.
A maior parte da nave será diáfana para facilitar o almacenamento de embarcacións. Resérvanse 24 metros cadrados para vestiarios e 120 para un ximnasio. A construción terá tres portalóns na parte sur.
O goberno municipal de Cedeira dá un paso determinante para facer realidade un proxecto que reforza a súa aposta polo deporte e que respalda especificamente a traxectoria de esforzo e de éxitos do Club de Remo local. Cómpre recordar que está en proceso de licitación a construción do Centro de Adestramento Deportivo Especializado (CADE), cun orzamento de 689.799,50€ que o Concello afronta cunha axuda de 344.899,75€ do Fondo Adicional de Cooperación Local.
