RESPIRA CEDEIRA. RUTAS DE ORNITOLOXÍA E BIODIVERSIDADE DE CEDEIRA
A partir do próximo venres 31 de outubro ata o domingo 9 de novembro realizaranse cinco xornadas desta ruta guiada gratuíta que ten por obxectivo o coñecemento da biodiversidade de Cedeira. As inscricións deberán realizarse a través do seguinte formulario: https://forms.gle/P3fd68cfCUxQKThd9.
A ruta de ornitoloxía consta dun percorrido circular que ten o seu inicio e o seu final no Almacén A Capelada, e pasa por lugares recoñecidos da zona coma o Rego da Braxe ou Curro da Capelada, dende os cales se poderá desfrutar de espectaculares vistas ao Val da Braxe.
O Concello de Cedeira ofrece esta visita guiada gratuíta en circo xornadas diferentes: o venres 31 de outubro (10:30 h), así coma o 1 (16:30 h), 2 (10:30 h), 8 (16:30 h) e 9 (10:30 h) de novembro. É precisa a inscrición a través do seguinte formulario: https://forms.gle/P3fd68cfCUxQKThd9.
Nesta ruta, os asistentes darán a volta ao Val da Braxe, situado no corazón da Serra da Capelada. Neste val abundan paxaros migratorios, animais salvaxes e gando, así como algunhas das poucas mostras de árbores autóctonas que quedan na serra. Por él transcorre o rego da Braxe, afluente do Río das Mestas que desemboca na Ría de Esteiro e Vilarrube. Ó seu carón e preto do inicio da ruta, atópase unha pequena área de descanso para continuar ata o coñecido curro da Capelada no que todos os anos ten lugar a Rapa das Bestas. Nas épocas de outono é un lugar moi concorrido polos amantes da micoloxía que recollen Rebellón ou Níscalo, diversas clases de Boletus ou diversas clases de Chantarellus, entre outras.
Este tipo de rutas enmarcadas no proxecto “Respira Cedeira” preséntanse como unha alternativa de ocio activo para a poboación local e visitante con diferentes perfís. Estas mesturan a divulgación sobre diferentes temáticas de interese do litoral, a posta en valor dos recursos da contorna e o turismo activo, grazas á colaboración de guías especializados.
O proxecto “Respira Cedeira” ten como obxectivo promocionar o patrimonio de Cedeira dende distintos ámbitos, creando produtos turísticos sostibles que axuden a desestacionalizar a actividade turística, crear relacións positivas co entorno e repercutir positivamente no desenvolvemento local. Foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.