O VICEPRESIDENTE DA XUNTA, DIEGO CALVO, VISITOU OS TERREOS NOS QUE SE VAI LEVANTAR O NOVO CADE
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a primeira tenente de alcalde, María José Pernas, acompañaron onte ao vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, na visita que realizou aos terrenos nos que se vai levantar o novo Centro de Adestramento Deportivo Especializado (CADE). A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, así como outros edís da corporación local, acudiron tamén á visita, na que se puxo de manifesto a aportación da Xunta de Galicia, a través do Fondo de Cooperación Local (FCL), para facer realidade o proxecto. Dita subvención, de 345.000€, sufragará o 50% do investimento preciso, que ascende a 690.000€.
O CADE ocupará un edificio de nova planta, con baixo, primeiro andar e baixocuberta, que estará dotado con equipamentos e recursos específicos para o adestramento en diferentes disciplinas, particularmente en remo e triatlón. No percorrido de onte, os responsables políticos coincidiron con deportistas do Club Natación Cedeira e co seu adestrador, Xan Suárez, e puideron felicitalos polos seus éxitos, en particular a Damian Suárez, que vén de obter a medalla de plata da categoría elite no Mundial de Ácuatlon e a de ouro no World Triathlon Multisport Championships, e a Irene Serantes e Carla Larrabeiti, compoñentes do equipo Delikia, recoñecido co galardón a Mellor Equipo Inclusivo no marco dos premios do Deporte Galego. Destacou neste encontro o feito de que Cedeira conta con 11 atletas recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel (DGAN).
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, destacou a aposta que o Concello está a facer polo deporte, tanto con este investimento -a administración local financiará o outro 50% da construción do CADE- como por outros destes últimos anos. Entre os futuros proxectos, explicou tamén que o goberno local vai impulsar a edificación dunha nave de 300 metros cadrados na zona portuaria para que o Club de Remo poda gardar embarcacións. O Concello está a tramitar diante de Portos de Galicia a autorización para facer esta obra, coa que se habilitará tamén unha zona exterior cuberta.