O SAMAÍN CHEGA PUNTUAL UN ANO MÁIS Á SÚA CITA EN CEDEIRA, CERNE DA AUTÉNTICA TRADICIÓN DE DEFUNTOS
O Samaín auténtico, o de toda a vida, chega un ano máis puntual á súa cita con Cedeira. O Concello colabora coa Asociación de Amigos do Samaín e outras entidades da localidade na que será a XXXVI edición da festa, contada desde que se puxo en marcha o esforzo consciente e organizado por recuperar unha tradición secular ameazada polo influxo do Halloween. A vila cedeiresa é o cerne da recuperación en Galicia da forma tradicional de conmemorar o día de defuntos: tallando cabazas e contando historias de pantasmas, e o seu Samaín concentra cada ano tanto á veciñanza e como a visitantes que queren vivilo como o facían os nosos antergos.
A xornada central do Samaín de Cedeira será o día 1 de novembro, o vindeiro sábado, cando terá lugar o pasarrúas das pantasmas pola zona vella. A xente acode vestida cunha saba ou camisón vello, para facer de pantasma ou avisión, e percorre as rúas ás escuras. Os sustos e as gargalladas sucédense neste paseo tenebroso que comezará ás 20.30h na zona praza da Marieta e que estará só iluminado coas candeas ou linternas que leven as propias pantasmas.
Durante toda a tarde do sábado, desde as 17.00h, haberá actividades no paseo da Mariña. Alí estará a exposición de cabazas -a xente está invitada a levar as súas-, haberá un obradoiro de tallado de melóns, outro de maqueado e unha merendola de outono a base de bola de azucre e requeixo.
O Samaín terá xa o venres o seu preámbulo. Tamén no paseo da Mariña, a partir das 17.30h, desenvolveranse diferentes actividades. Están previstos obradoiros de pintura, de zonchos e de creación de adornos para lucir durante o pasarrúas do sábado. Ás 20.00h, Teatro Calavera presentará o espectáculo “A cabaza encantada”, un conto protagonizado polo cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa e dirixido ao público familiar.
Un ano máis, desde o Concello de Cedeira e a Asociación de Amigos do Samaín fan un chamamento para manter o auténtico espíritu do Samaín, o dunha festa familiar e integradora na que teñen cabida desde os máis novos ata os vellos, encargados de transmitila. Recordan que non é esta unha festa de disfraces, polo que suxiren, para quen queira acudir cun disfrace, que vaia de pantasma branca ou coa cara ciscada, simulando ser unha ánima doutro mundo.
