Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PONFERRADINO LOLO SERANTES GAÑA A XI EDICIÓN DO CERTAME DE PINTURA RÁPIDA “VILA DE CEDEIRA”

primerpremio

Un total de 25 artistas, a maioría procedentes de Galicia pero tamén entre eles naturais de Madrid, Córdoba, Ponferrada, Barcelona, Asturias e ata Brasil, participaron na xornada de onte na undécima edición do certame de Pintura “Rápida Vila de Cedeira”. O ponferradino Lolo Serantes Morán foi o gañador deste ano, cunha pintura da praia de Area Longa, mentres que o segundo premio foi para Martina Bugallo, de Brión, e o terceiro para Laureano Vidal, da Coruña.

Os gañadores dos tres primeiros premios recibiron os seus cheques por valor de 900, 700 e 500€ respectivamente, xunto co correspondiente diploma. Ao igual que sucedeu xa o pasado ano, cando o Concello de Cedeira incrementou a dotación do certame, o xurado elixiu tamén catro accésits, dotados con 100€ cada un, que foron para Isabel Seidel, Carlos Triñanes, Ángel Carreira e Abel Barandela.

O xurado estivo formado polos artistas Marta Pérez, Xurxo Pernas e Andrés Urrutia. Como marcan as bases, a mecánica do concurso consistiu en realizar a inscrición e o selado dos soportes de todos os participantes pola mañá, antes das once, e darlles despois varias horas para elixir un rincón da localidade e pintar. As autoras e autores buscaron diferentes ubicacións para colocar os seus cabaletes, repartíndose por toda a liña marítima desde a zona de San Isidro ata a punta do peirao, así como no casco vello.

Desde o Concello de Cedeira agradeceron un ano máis a participación de todos e todas as artistas, chegados de diferentes puntos da xeografía nacional e mesmo de fóra de España, e destacaron a calidade das súas pinturas.

Back to top