Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DE CEDEIRA TRANSFÓRMASE NUN PARQUE DE ATRACCIÓNS PARA TODA A FAMILIA

O Concello de Cedeira transformará un ano máis o Polideportivo Municipal nun parque de atraccións, con entrada gratuíta e a cuberto, durante as vacacións escolares de Nadal. Desde o luns 22 de decembro ata o 4 de xaneiro abrirá todas as tardes, agás os días 24 e 25 e 31 e 1, en horario de 16.30 a 20.30h, con inchables e talleres permanentes e outras propostas que irán rotando.

Tanto os nenos e nenas máis pequenas como a rapazada atoparán xogos e propostas á súa medida. A idea é que o pavillón se transforme, como outros anos, nun lugar de lecer para toda a familia. En canto ás atraccións que irán rotando, os días 22 e 23 de decembro estará instalado o xogo Interactive Super Grid, unha pista con máis de 350 baldosas con LEDs sensibles ao tacto sobre a que haberá que avanzar demostrando velocidade e coordinación. Os días 26 e 27 instalarase no Polideportivo un campo para as batallas con Batte Nerf Area, pistolas de xoguete, así como un touro mecánico e unha táboa de surf para poñer a proba o equilibrio.

Os días 28 e 29 volve renovar a oferta de lecer cun espazo de realidade virtual, que xa se ofreceu en anos anteriores con grande éxito. Tamén ofrecerá unha experiencia inmersiva e real o campo de batalla con Laser Tag Experience que se montará o 30 de decembro e o 2 de xaneiro. Os días 3 e 4 de xaneiro será a quenda do Interactive Dance Mets, cunha pantalla conectada á unha alfombra na que os xogadores teñen que bailar e facer os movementos propostos, competindo entre todos os participantes. Estes últimos dous días haberá tamén un circuíto para manexar vehículos por radiocontrol.

Ademais, o Concello organiza as cabalgatas de Papá Noel e os Reis Magos nas tardes do 23 de decembro e o 5 de xaneiro, e volve programar verbenas populares, baixo unha carpa que se instalará na praza Roxa, para as noites máis. Na de Aninovo, aproximadamente sobre a unha da madrugada, actuará a orquestra Fania Branco Show e na madrugada do día de Reyes tocaralle a quenda a orquestra Orixe.

Back to top