O HOTEL OS CANTÍS GAÑA O PRIMEIRO PREMIO DA SEXTA EDICIÓN DO CERTAME “TAPAS DE OUTONO” DE CEDEIRA
O Hotel Os Cantís é o gañador da sexta edición do certame “Tapas de Outono” coa súa receita de “Carrilleira de xabaril con puré de castaña”, mentres que os establecementos Finca A Nogueira e O Mesón quedaron en segundo e terceiro lugar. Desde o goberno municipal destacan a alta participación do público que de venres a domingo percorreu os establecementos participantes para degustar as súas propostas. Subliñaron, tamén, o esmero da hostalería local, que ofreceu tapas excelentes con produtos de gran calidade.
A tapa de Finca A Nogueira foi outra carrilleira, no seu caso de tenreira en salsa de castaña, con parmentier de grelos, crocante de cabaza, puré de batata e pan de broa, mentres que O Mesón optou por un petisco de polbo, lacón e puré de pimentón con carne de naviza. Os establecementos despacharon máis de 400 e algúns máis de 700 tapas entre a noite do venres, o mediodía e a noite do sábado e o mediodía do domingo, ao prezo de 3€, e recolleron as votacións do público.
Os premiados foron os que maiores puntuacións reuniron entre as persoas que emitiron o seu voto, para o que era preciso degustar cando menos cinco tapas. Xunto cos gañadores desta edición, participaron tamén no certame aTaberna Praza do Peixe, o Gastrobar O Amanexo, A Tenda do Jojó, Bon Pé Taberna, Cervexería Caña Aquí e o Restaurante Brisa. A todos agradecen desde o goberno local a súa participación e bon facer neste concurso, que procura dinamizar o sector e potenciar o atractivo gastronómico de Cedeira.
Entre as persoas que emitiron o seu voto sorteouse unha cea para dúas persoas no establecemento gañador. O Hotel Os Cantís é un pequeño establecemento hoteleiro, con moito encanto, que abriu as súas portas no verán de 2024 nun antigo inmoble rehabilitado no mesmo Paseo da Mariña. Conta con cafetería e restaurante, e esta é a primeira vez que participa no certame “Tapas de Outono”.