Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO OBTÉN A AXUDA QUE CUBRIRÁ O 50% DO NOVO CENTRO DE ADESTRAMENTO DEPORTIVO ESPECIALIZADO

O Concello de Cedeira vén de recibir a notificación de que conta cunha subvención de 344.899€ para o proxecto do Centro de Adestramento Deportivo Especializado (CADE). A axuda, que o goberno municipal solicitou ao abeiro do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, vai cubrir o 50% do investimento total necesario para construír esta nova infraestrutura deportiva, que ascende a 689.799€ e na que o Concello prevé aportar a outra metade.

O goberno municipal está satisfeito do éxito da súa solicitude, que lle vai permitir poñer en marcha este ambicioso proxecto. O CADE situarase nunha zona baleira dentro da misma parcela catastral na que xa se ubican o polideportivo e a piscina municipais, así como o campo de fútbol do Beco e as pistas de pádel. De forma rectangular e con arredor de 200m2 de planta, o centro terá planta baixa, primer piso e baixo cuberta. No seu interior haberá maquinaria específica para o adestramento de diferentes disciplinas. O obxectivo é configurar un núcleo de desenvolvemento deportivo para os clubes locais e, máis aló, para o norte de Galicia.

A memoria valorada do proxecto contempla o vestíbulo e a zona de recepción na planta baixa, na que estará tamén unha primeira zona de adestramento e os aseos e vestiarios adaptados. O primeiro piso albergará outra zona de adestramento, vestiarios, unha sauna e sala de musculación. O baixo cuberta empregarase como almacén. O CADE terá preto de 182 metros cadrados de superficie útil na planta baixa; 196 na primeira planta e 117 no baixo cuberta, e contará con máquinas para o traballo específico que precisan diferentes disciplinas deportivas.

O Concello ten adoptado xa o lema “Cedeira respira deporte” para destacar a importancia que ten este aspecto nas políticas municipais e tamén na propia vida da localidade. O municipio conta con clubs de unha enorme variedade de disciplinas deportivas e leva anos colleitando grandes éxitos en varias delas. Particularmente destacan as traxectorias do Club de Remo e o Natación Cedeira, dúas entidades que están a recoller medallas e obter postos moi destacados en competicións nacionais e internacionais. O CADE, destacan desde o Concello de Cedeira, vai dirixido a ofrecer a estes deportistas de tan algo nivel unhas condicións adecuadas ao seu rendemento e a facilitarlles que continuen co seu progreso.

O CADE e a ampliación da piscina municipal que tamén está en proceso (uns 550.000€ de investimento, que se fará a través dun convenio coa Deputación), son actuacións que se van sumar ás xa realizadas polo Concello para mellorar as instalacións deportivas. Entre os investimentos realizados nos últimos anos están o novo pavimento e marcador do Polideportivo (151.000€, a través dun convenio coa Deputación); outros 2.606€ para mercar os marcadores de posesión, 6.400€ das novas canastras de minibasket e 1.891€ para un novo tatami puzzle para karate; o céspede artificial do Beco (237.000€) e a obra de canalización e novas arquetas (4.668€); as novas caldeiras para a piscina (85.000€) e o sistema de deshumectación (38.300€); a ampliación do ximnasio (máis de 62.000€) e adquisición de novas máquinas (20.000€); o cerramento e outras obras nas pistas de pádel (máis de 110.000€) e a mellora das canastras e da pista de baloncesto de Floreal (20.000€).

Back to top