O CONCELLO DE CEDEIRA SACA A CONCURSO A OBRA DE AMPLIACIÓN DA PISCINA MUNICIPAL POR PRETO DE 584.000€
O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de contratación da obra de ampliación da piscina municipal, un proxecto que ten un orzamento de partida de 583.924€. En decembro pasado o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinaron o convenio de colaboración que vai permitir financiar esta importante actuación. A administración provincial asume 300.000€ do presuposto e a local custea os máis de 280.000€ restantes. O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o vindeiro 4 de maio.
A piscina, de 16 metros de longo, vai crecer pola fachada leste. O vaso actual, de 16,2×8,3m, pasará a ter 25×11,6m, e toda a instalación mellorará tamén en superficie de praia e na eficiencia enerxética. Construiranse novos muros que sustentarán unha renovada cuberta e a fachada do lado leste será de vidro illante, que permitirá o paso da luz natural. A instalación terá tamén novos equipos de depuración de auga, renovación de aire e iluminación.
Ter unha piscina de 25 metros é unha vella aspiración de Cedeira. A instalación actual inaugurouse hai preto de 35 anos e conta cun altísimo número de persoas usuarias -arredor de 1.100 e lista de espera-. As medidas do vaso son, ademais, unha desvantaxe para o equipo de Natación Cedeira, con máis de 230 licencias e unha destacada presenza en competicións nacionais e internacionais. O goberno municipal xestionou a colaboración da Deputación da Coruña para poder levar adiante a actuación, pese a que en primeiro lugar o pleno da corporación aprobara por unanimidade, a comezos de 2023, reclamar unha nova piscina con financiación a tres bandas incluíndo á Xunta. A administración autonómica non respostou á petición, polo que finalmente se optou por adoptar a solución da ampliación contando co apoio provincial.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, subliña que o deporte é un sinal de identidade de Cedeira e que o Concello aposta pola mellora das infraestruturas para corresponder ao excelente traballo que fan os clubs da localidade e á participación das escolas municipais. Cómpre recordar que está en proceso de licitación a construción do CADE, un Centro de Adestramento Deportivo Especializado -con 690.000€ de investimento- e en proxecto a creación do Centro Municipal de Innovación e Deporte nos baixos da praza Reitoral.
Nos últimos anos acometéronse outros investimentos, entre os que están: o novo pavimento e marcador do Polideportivo (151.000€, a través dun convenio coa Deputación); novos marcadores de posesión (2.606€); novas canastras de minibasket (6.400€ ) e un novo tatami puzzle para karate (1.891€); o céspede artificial do Beco (237.000€) e a obra de canalización e novas arquetas (4.668€); as novas caldeiras para a piscina (85.000€) e o sistema de deshumectación (38.300€); a ampliación do ximnasio (máis de 62.000€) e adquisición de novas máquinas (20.000€); o cerramento e outras obras nas pistas de pádel (máis de 110.000€) ou a mellora das canastras e da pista de baloncesto de Floreal (20.000€).