O CONCELLO DE CEDEIRA REPARTIRÁ O DOMINGO 2.500€ ÁS MELLORES OBRAS DO CERTAME DE PINTURA RÁPIDA
O Concello de Cedeira celebra este domingo unha nova edición, a undécima, do Certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”, que cada ano leva ata a vila a artistas profesionais e afeccionados de dentro e fóra da comunidade galega. Desde o ano pasado a dotación para premios aumentou, de maneira que de novo se repartirán 2.500€ en total entre as mellores obras presentadas ao concurso.
Os tres primeiros premios estarán dotados con 900, 700 e 500€ respectivamente, sumados ao correspondiente diploma, e a maiores o xurado elixirá catro accésits de 100€ cada un. A inscrición e o selado dos soportes realizararse de nove a once da mañá na praza da Marieta e o tempo para pintar rematará ás 17.30h, cando todas as obras deberán estar entregadas na Sala Áncora, na praza Roxa. Alí deliberará o xurado, que nesta edición estará formado polos artistas Marta Pérez, Xurxo Pernas e Andrés Urrutia, e darase a coñecer o fallo. Desde a entrega de premios, arredor das 18.30, ata as 20.00h, quedarán expostas as obras ao público.
O espazo establecido para que pintores e pintoras coloquen os seus cabaletes abrangue o paseo marítimo, a praia da Madalena, o paseo da Mariña, a zona do río Condomiñas, praia de Area Longa, casco vello e porto de Cedeira.
A localidade de Cedeira, que vén de rematar as súas festas patronais, acollerá tamén nesta vindeira fin de semana outras citas e eventos festivos. Nas xornadas do sábado e o domingo desenvolverase a segunda “Festa do Porco do Ortegal” na praza do Floreal. As racións serviranse a 20€ ambas as dúas xornadas a partir das 14.00h, no marco de senllas sesións vermú con música en directo. O sábado, ademais, haberá baile a partir das 22.00h.
O domingo 24, entre as 19.30 e as 20.30, Cedeira ten unha cita coa sensibilización e a loita contra o cancro. Celebrarase unha nova edición da cadea humana, entre as dúas pontes que cruzan o río Condomiñas na súa desembocadura, de novo organizada pola Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro.
Pola súa banda, o Museo Mares promove un curso de cestería que se vai desenvolver en horario de mañá o sábado e o domingo.