O CONCELLO DE CEDEIRA PUBLICA A LICITACIÓN DAS OBRAS DOS PARQUES DE SAN ISIDRO, CON 256.000€ DE INVESTIMENTO
O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público os expedientes de licitación de dúas obras que se van acometer con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS+2025), cun investimento que suma 256.432,55€ (IVE incluído). Trátase dos proxectos de mellora dos parques de xogos situados na zona de San Isidro, un deles o de xogos infantís que está na praza da Constitución e outro o que se sitúa moi próximo, na área recreativa da Madalena.
A obra que se vai realizar no parque da praza da Constitución ten un orzamento de 90.879,85€ (IVE incluído), e servirá para subsanar deficiencias e tamén para mellorar tanto a pavimentación como os elementos de xogo instalados, colocando tamén novos xogos máis atractivos e de maior capacidade. Este é o parque que ocupa o interior do anfiteatro descuberto que está na praza e está especialmente orientado a edades temperás. Renovarase o pavimento de caucho e os elementos de xogo pasarán dos cinco actuais a oito.
A escasos metros, o proxecto para o parque da área recreativa da Madalena prevé tamén a renovación e a ampliación da superficie de pavimento de caucho. Levantaranse neste caso a maior parte dos elementos de xogo actuais para a súa reparación e reubicación e tamén colocaranse outros novos, concretamente unha estrutura de barco con máis de 124 m2 de planta e un balancín carrusel cuádruple. A área de xogos, que actualmente ocupa 343m2 sumará preto de 72m2 máis. O investimento desta actuación é de 165.552,70€ (IVE incluído).
As empresas interesadas en presentar as súas ofertas teñen de prazo ata o vindeiro 19 de xaneiro para facelo.
