O CONCELLO DE CEDEIRA FAI UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE APOIO AO SECTOR PESQUEIRO
Os grupos políticos con representación no Concello de Cedeira acordaron facer unha declaración institucional en defensa do sector pesqueiro, situándose do lado da Confraría de Pescadores da localidade e o resto das entidades representativas do sector no seu rexeitamento ás novas obrigas que impón o Regulamento Europeo 2023/2842 de control da pesca. Neste comunicado reiteran os argumentos do sector afectado, ao tempo que queren manifestar o seu apoio ás paradas e concentracións convocadas para este luns, día 19.
Concretamente a Confraría de Cedeira anunciou que a lonxa permanecerá pechada o luns, e que ese día a partir das 16.00h, coincidindo coa hora da reunión coa Secretaría Xeral de Pesca, realizarase unha concentración no peirao.
O pasado 10 de xaneiro de 2026 entraron en vigor importantes modificacións do sistema de control da pesca derivadas do Regulamento (UE) 2023/2842, para todos os buques de eslora igual ou superior a 12 metros, que paulatinamente irán entrando en vigor para o resto de embarcacións de menor eslora.
As dúas obrigas críticas e complexas que cambian a operativa diaria dos barcos e que conlevan prexuízos e sancións graves desproporcionadas son:
1. O AVISO PREVIO DE 4 HORAS: Xeneralízase a obriga de notificar a chegada a porto cun mínimo de 4 horas de antelación.
2. FIN DA EXENCIÓN DE 50 KG NO DEA: Desaparece a franquía que permitía non declarar especies por baixo de 50 kg. A partir do 10 de xaneiro de 2026 é obrigatorio anotar e transmitir no DEA todas as capturas desde o primeiro quilogramo.
É por iso que as Confrarías, Asociacións de Pescadores e Federacións de Confrarías están a realizar actuacións a fin de conseguir cambiar estas modificacións, estando convocada unha reunión coa Secretaría Xeral de Pesca para o vindeiro luns 19 de xaneiro de 2026 en Madrid, onde terá lugar unha concentración e tamén en distintos puntos das principais provincias de toda España.
Destacar con respecto ás obrigas indicadas que:
1.- Resulta inadmisible a imposición dun aviso previo/previo aviso de chegada a porto de 4 horas para embarcacións que faenan a poucos minutos da costa…. Está a obrigarse aos barcos a parar e esperar antes de entrar en porto, o que conleva unha perda de tempo e diñeiro, só para cumprir un trámite burócratico sen fundamento.
Tal e como ten transmitido o Sector á Secretaría Xeral de Pesca a través da Federación Nacional de Confrarías, dita obriga:
-Paraliza artificialmente a actividade pesqueira, reducindo ingresos e aumentando custos.
-Deteriora a calidade do peixe fresco, devaluando o valor en lonxa.
– Rompe a cadea loxística de portos e poxas.
– Pon en risco a seguridade das tripulacións, forzando aos barcos a permanecer no mar cando poderían estar a salvo en porto “
2.- O “QUILOGRAMO CERO”: CONTROL DE DESPACHO, DESCONEXIÓN TOTAL DA REALIDADE
A esixencia de rexistrar capturas desde o “quilogramo cero” non é viable na práctica e neste sentido transcribindo literalmente o expresado pola Federación Nacional de Confrarías:
“Pretender que un pescador pese gramos en cuberta, co barco en movemento e en plena faena, non é control: é descoñecemento absoluto de como se traballa no mar”
Esta esixencia:
• Xera inseguridade xurídica permanente para os patróns. • Multiplica o risco de sancións arbitrarias. • Obriga a manipular dispositivos electrónicos en condicións perigosas. • Incrementa o risco de accidentes laborais nun dos sectores máis duros e perigosos da economía”
Coa nova norma o que antes se facía como unha estimación agora pasa a ser unha obriga de pesada, cando isto non é algo que esixa a normativa europea.
DIANTE DA SITUACIÓN XERADA ESIXIRASE Á SECRETARÍA XERAL DE PESCA:
-A exención inmediata da obrigación de notificación previa para os buques con mareas inferiores a 24 horas, tal e como permite o Regulamento de Control.
-Un prazo máximo de 30 minutos, como medida transitoria e subsidiaria, axustada ao tempo real de navegación.
-Instrucións claras e vinculantes para que non se sancionen capturas de minimis nin se esixa o rexistro imposible do “quilogramo cero”.
-Que se permita o cálculo de exemplares en capturas mínimas, evitando estimacións ficticias e sancións inxustas.