O CONCELLO DE CEDEIRA CONSIGNA SEIS PROXECTOS DE INVESTIMENTO, POR VALOR DE MÁIS DE 474.000€, NO POS+2026
O goberno de Cedeira aprobou no último pleno ordinario a proposta de participación do Concello no POS+2026, o programa da Deputación Provincial da Coruña para a cooperación coas obras e servizos de competencia municipal. Neste exercicio, a administración local prevé destinar 659.883,99€ a financiación de gasto corrente e financiar seis proxectos de investimento con 474.163,01€ procedentes do plan complementario. Ademais, na mesma sesión está previsto aprobar a solicitude de 77.633,41€ da liña de financiación do POS especificamente adicada a gastos sociais extraordinarios.
O proxecto de investimento máis importante, por importe, é o de “Mellora de accesos e corrección de deficiencias en grupo escolar de Saa”. A intervención, orzamentada en 137.955,48€, abranguerá actuacións nos accesos e no interior deste antigo escolar no que o Concello xa realizou intervencións de urxencia para frear a súa degradación, entre as que estivo o cambio da cuberta. Desta volta, as obras no exterior consistirán en renovar as escaleras de acceso, que presentan un deterioro importante, así como a balaustrada de peche da parcela, construíndo novas estruturas que garantan a seguridade e se axusten á normativa vixente. A obra desenvolverase tamén na primeira e segunda pranta do interior do edificio, actualmente apuntalado, nas que será preciso reforzar as estruturas de soporte do forxado e substituír por completo a escaleira de madeira actual, en moi mal estado. O chan de madeira aproveitarase, substituíndo aqueles elementos que xa non sexan funcionais, e repararanse os paramentos verticais.
No programa de investimentos que o Concello propón acometer con cargo ao POS+2026 están tamén dous proxectos para a ampliación da rede de saneamento do municipio. Un deles acometerase en Guillade, na parroquia de San Román de Montoxo, onde é preciso acometer a instalación de novos colectores e pozos de rexistro para a conexión dun núcleo de poboación. Esta actuación ten un orzamento de 73.322,60€. O outro proxecto de ampliación da rede de saneamento desenvolverase en Veriño de Abaixo, na parroquia de Régoa, e tamén servirá para dar servizo a vivendas ás que actualmente non chega a rede. Serán, neste caso, 53.878,93€ de investimento.
Outros dous proxectos desenvolveranse no casco urbano. Serán o de instalación da nova fonte da Marieta, co que se vai replicar a que antigamente existía na praza Ezequiel López, máis coñecida como a praza “da Marieta”, situada ao pé da Ponte Vella. Desaparecerá a caseta de información que actualmente está no lugar deste elemento para levantar unha fonte similar á primitiva, cunha columna sobre a que estaba unha estatua en alegoría da primavera. A fonte foi sempre un lugar de reunión e encontro dos veciños e veciñas, e o proxecto prevé recuperar o carácter singular daquel espazo. O orzamento é de 43.148,13€.
Tamén no casco urbano acometerase a reforma do parque infantil do Floreal, unha actuación presupostada en 77.920,06€, e que vai renovar un espazo habitualmente moi concurrido. O parque infantil actual ocupa 124 metros cadrados. O espazo ampliarase ata os 201 metros cadrados, nos que se ubicarán dúas randeeiras, dous balancíns, unha estrutura de xogo que simulará un barco e outra estrutura que simulará a torre de vixiancia dun barco pirata.
Por último, o Concello inclúe neste POS un proxecto de mellora e conservación da rede viaria municipal en Santallamar, Cordobelas, Magoira e Os Candales, con 87.937,81€ de orzamento. Con esta actuación renovarase o asfalto de máis de 1,6 quilómetros de camiños municipais que dan acceso a catro núcleos rurais do municipio.