O CONCELLO ABRE UNHA NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA ASOCIACIÓNS SOCIOCULTURAIS E CLUBES DEPORTIVOS
O Concello de Cedeira vén de publicar as convocatorias da nova anualidade dos programas de axudas destinados a asociacións socioculturais, por un lado, e deportivas, por outro. Ambos os dous suman 120.000€ de dotación, 60.000 para cada un, cantidade que se reparte polo sistema de concorrencia competitiva en función duns criterios obxectivos. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días contados a partir de mañá día 28, toda vez que os extractos das dúas convocatorias saíron publicadas onte no BOP e están tamén colgadas na Base de Datos Nacional de Subvencións.
A convocatoria para entidades do ámbito sociocultural, dotada con 60.000€, establece un ano máis as categorías de actividades (á que se reservan 45.000€) e investimentos (15.000€). A primeira vai destinado a apoiar os gastos de funcionamento, desprazamentos, persoal, seguros e todo o que é preciso para o día a día das entidades e o desenvolvemento todas as súas propostas, mentres que o segundo está orientado a que poidan mercar diferentes materiais inventariables que fan posible ou melloran o seu labor.
As bases establecen os criterios puntuables para a concesión das axudas, entre os que está o número de socios, antigüidade, instalacións, desenvolvemento de actividades nas parroquias, participación feminina, contratación de persoal, fomento da inclusión social, colaboración con outras entidades da localidade ou co Concello, uso da lingua galega…
A mesma contía teñen as axudas destinadas a entidades deportivas, tamén repartida entre os 45.000€ para actividades e 15.000€ para investimentos. O primeiro apartado servirá para sufragar, entre outras cousas, gastos de compra de trofeos, desprazamentos, aluguer de pistas deportivas, gastos federativos, arbitraxes, nóminas de persoal técnico e materiais de difusión de competicións…, mentres que o segundo permitirá ás entidades mercar materiais inventariables ligados á súa práctica deportiva por importe unitario igual ou superior a 100€.
Como no caso anterior, o Concello aplicará un baremo de condicións obxectivas para a concesión das axudas. Valorarase o número de nenos e nenas que toman parte nas escolas de base, a participación feminina, a organización de competicións, a antigüidade do club, o número de deportistas federados, o número de técnicos, o menor importe da cuota mensual, o uso da lingua galega ou a colaboración con outras entidades do municipio, entre outros criterios.
Ambos programas cumpren unha importante labor de dinamización e apoio ao rico e variado tecido asociativo que ten Cedeira, tanto no eido sociocultural como no deportivo. A contía destinada aos mesmos experimentou unha suba importante no ano 2023, cun incremento de máis do 60% respecto ao exercicio anterior.