O CONCELLEIRO XOSÉ ANTÓN ARRIBE LEVA A SÚA RENUNCIA POR MOTIVOS PARTICULARES AO PLENO DESTE MÉRCORES
O Concello de Cedeira celebrará este mércores, ás 20.00h, unha sesión ordinaria do pleno da corporación. Entre outros puntos da orde do día está a renuncia, por motivos particulares, do concelleiro do BNG Xosé Antón Arribe Rodríguez, primeiro tenente de alcalde e responsable de Cultura, Patrimonio e Deportes.
En nome de todo o equipo de goberno, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, agradece a Xosé Antón Arribe o seu traballo a prol de Cedeira, así como o seu espíritu de colaboración e afán construtivo dentro da coalición que forman PSOE e BNG.
Ambas formacións -coa persoa que na seguinte sesión plenaria entre, por parte do BNG, a ocupar o lugar que deixa Xosé Antón Arribe- garanten a estabilidade da coalición e o seu compromiso de seguir traballando, coa mesma dinámica, para mellorar a calidade de vida da poboación de Cedeira e o seu desenvolvemento sostible.