Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O COMEZO DOS TRABALLOS DE APORTE DE AREA Á PRAIA DA MADALENA LIMITAN O FONDEO DE EMBARCACIÓNS E O ACCESO AO AREAL

O Concello de Cedeira comunica que -seguindo as instrucións da empresa contratada pola Demarcación de Costas- a partir do vindeiro luns, 21 de xullo, pecharase o acceso a unha parte da praia da Madalena e prohibirase o fondeo de embarcacións para permitir o desenvolvemento dos traballos de aporte de area, que teñen como obxectivo estabilizar o cordón dunar e a propia praia.

A draga que realizará o depósito de area comezará a traballar na devandita data, e as limitacións establecidas prolongaranse ata o 14 de agosto no caso do fondeo e ata o 4 de agosto no que se refire ao uso da parte do areal que queda pechada, segundo as previsións do Concello. A partir do 5 de agosto os traballos pasarán á outra parte da praia, que sufrirá daquela as mesmas limitacións ata que finalicen as obras.

Así, nesta primeira fase prohibirase o acceso pola rúa López Cortón e o uso da praia ata a metade da duna na parte máis próxima a este vial, permitíndose únicamente entrar polo Regato da Veiga. Desde o 5 de agosto será este último punto o que se peche, xunto coa metade da praia que se mantivo aberta ata entón. A prohibición de fondeo manterase ata o 14 de agosto nun círculo de 0,20 millas cuxo centro se sitúa nas coordenadas 43º39.212’N 008º 3.935’ W.

Back to top