Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CICLO MESTRE MATEO TOCA Á SÚA FIN EN CEDEIRA COA SEGUNDA SESIÓN ADICADA ÁS CURTAMETRAXES

O Auditorio Municipal de Cedeira acolle hoxe venres, ás 21.00h, a última sesión do ciclo Mestre Mateo. Será a segunda cita, neste programa que recolle o mellor do cine galego do ano pasado, adicada ás curtametraxes. Proxectaranse catro que foron candidatas na categoría de mellor curta de animación e outra, de imaxe real, que optou a mellor curta. A entrada é de balde.

As curtas de animación son “Avetimología”, de Xosé Zapata, un canto á paz e á concordia, onde os paxaros móstrannos o absurdo que son os nosos conflitos fronte ao devir da Terra, confrontando a autodestrución do home fronte á resiliencia da natureza; “Noites de Prata”, de Soraya Antelo, sobre unha muller que abandonou Galicia para habitar o Río da Prata e que gaña a vida cantando; “Sinapse”, de Carlos Cuesta, no que Andrea, unha anciá con Alzheimer mantén na súa mente, durante unha visita da filla, unha batalla épica contra un monstro que simboliza a súa enfermidade; e “Eu vou comigo” de Chelo Loureiro, que presenta o intento de Elisa por gustarlle a Martín, pasando polo seu cambio de aspecto e de quen é en realidade. Pasarase tamén a curta de imaxe real “Platónico, Platónica”, de Xacio Baño, un filme sobre o amor.

Desenvolverase tamén a sexta edición do certame “Tapas de Outono”, no que se servirán petiscos a 3€ en nove establecementos da localidade. Finca Nogueira, Taberna Praza do Peixe, Hotel Os Cantís, Gastrobar O Amanexo, A Tenda do Jojó, Bon Pe Taberna, Mesón O Mesón, Cervexería Caña Aquí e o Restaurante Brisa son os locais participantes e, segundo as bases, as tapas poderán degustarse venres á noite, sábado nos servizos de mediodía e noite, e domingo ao mediodía.

O público elixirá a mellor tapa cos seus votos, ao tempo que participa no sorteo dunha cea para dúas persoas. Será preciso probar cinco das tapas que se presenten ao certame para poder votar, cubrindo co selo ou a sinatura de cada establecemento a tarxeta de votación.

Por outra banda, recórdase que ata o 6 de novembro está aberto o prazo de inscrición nos obradoiros que se van desenvolver do 7 ao 15 do mesmo mes no marco da segunda edición do Festival de Artes Escénicas “Dende a Nada”, e poden tamén xa reservarse entradas para os dous espectáculos teatrais programados.
Os talleres son os seguintes:

  • Máscaras balinesas, impartido por Juan Martín Ozán, os días 8 e 9 de novembro.
  • Do proceso creativo ao teatro físico de Gecko, por Helen Bagget, días 8 e 9 de novembro.
  • O poder da música no teatro, por Dave Price, os días 10, 11, 12 e 15 de novembro.
  • Da idea ao escenario, por Simone Jenkinson, os días 10, 11 e 13 de novembro.
  • Loita escénica, por Rachel Bown Williams, os días 13 e 14 de novembro.
  • A mitoloxía e eu, a cargo de Jamie Bradley, os días 15 e 16.

Tanto para a inscrición nos obradoiros como para a reserva de entradas nos espectáculos pode enviarse un whatsapp ao número 649876614 ou correo electrónico a enrique.vazquez@cedeira.gal

Back to top