Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Opera Studio Cedeira

Volve Opera Studio Cedeira: cinco edicións facendo da vila un escenario aberto á creación.

Hai proxectos culturais que nacen cunha vocación clara e que, co paso dos anos, acaban converténdose nun referente. En 2026, o Festival Opera Studio Cedeira celebra a súa quinta edición, consolidándose como un espazo de formación, creación e encontro arredor da música e das artes escénicas.

Do 8 ao 22 de xullo, Cedeira volverá transformarse nun escenario aberto ao talento, acollendo dúas semanas intensas de actividade artística nas que alumnado, profesorado e público compartirán unha experiencia única que combina excelencia formativa e programación cultural de proximidade.

A edición arrancará o 8 de xullo co concerto inaugural a cargo dun Quinteto de Trombóns, dando paso ao traballo escénico e musical arredor de Coronis, a ópera barroca do compositor español Sebastián Durón (1660-1716). A recuperación e difusión deste patrimonio musical constitúe unha das grandes apostas desta edición.

Ao longo deste festival, a música de cámara terá tamén un protagonismo especial, con concertos en diferentes parroquias do municipio —Piñeiro, Santalla e San Román—, ademais dos tradicionais concertos de rúa do 19 de xullo e do Concerto da Banda Música Vila de Cedeira o día 20, levando a música máis alá dos espazos convencionais e reforzando a conexión entre cultura e territorio.

O proxecto culminará o 22 de xullo coa representación final de Coronis, resultado do traballo artístico desenvolvido durante toda a residencia e unha oportunidade excepcional para gozar dunha produción creada e interpretada no marco de Opera Studio Cedeira.

Cinco edicións despois, Opera Studio Cedeira continúa medrando sen perder a súa esencia: crear comunidade arredor da cultura, impulsar novas xeracións de artistas e situar a vila como un referente de creación e formación musical no verán galego.

Do día 8 ao 22 de xullo de 2026
 Música de cámara, concertos de rúa e banda.
Ópera barroca: Coronis, de Sebastián Durón.
Representación final o 22 de xullo.
Back to top