Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Morraoconto presenta «Tromsø» no III Festival Internacional Cedeira Escénicas «Dende a nada»

O 17 de outubro, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal de Cedeira acollerá a representación de «Tromsø», de Morraoconto, dentro do III Festival Internacional Cedeira Escénicas «Dende a nada».

Cando un ser querido nos deixa, o baleiro que queda énchenos dun silencio que, ás veces, nunca conseguimos facer desaparecer. Un silencio que se aferra ao corazón apagando para sempre parte da súa luz.

Tromsø é unha reflexión en clave de humor dende a perda sobre a vida, a morte e todo o que queda entre medias. É un canto á tristura pero tamén á esperanza. Unha viaxe épica polos mares do norte, navegando tormentas, fiordos e enormes cardumes de arenque, na procura de respostas nun lugar onde as candorcas, co seu canto, desgarran o silencio salvaxe da aurora boreal.

A obra, unha comedia dirixida a público adulto (16 anos), ten unha duración de 80 minutos. Está interpretada por Miguel Gendre, Lidia Veiga e Lara Pouso, con dirección de Rafa Martínez e Esther Latorre e música en directo de Julia Ammerman e Lucía Iglesias. A montaxe recibiu os Premios María Casares á mellor iluminación e ao mellor espazo escénico.

Entrada: 3,5 €.
Reservas: 649 876 614 (WhatsApp) ou enrique.vazquez@cedeira.gal.

Back to top