Cedeira polo cine
Este evento xa rematou
-
Data
9 de Xullo de 2025
-
Horario
19:30
O Concello de Cedeira inaugura o vindeiro día 9 de xullo o ciclo “Cedeira polo cine”, coa proxección de cinco películas para todos os públicos e entrada de balde no Auditorio Municipal. É unha actividade que xorde do Consello Local da Infancia e a Adolescencia (CLIA) “Ondiñas na vila” e que o pleno da corporación aprobou xunto coa proposta de instalar un merendoiro no parque San Isidro. Todos os pases serán ás 19.30h, os días 9, 10, 16, 17 e 24 de xullo.
A primeira película do ciclo, o mércores 9, será “Gru 4”, con novas aventuras do vilán que ao final é do melloriño que hai. Unha vez máis, Gru e a súa familia afrontan a ameaza dun supermao de verdade, Maxime Le Mal, coa axuda dos loucos minions. Unha cinta de animación chea de aventuras e humor.
O 10 de xullo, xoves, chegará “Caza Fantasmas: Imperio Helado”, a última secuela dunha saga que comezou no ano 1984 cun enorme éxito de taquilla. Aqueles primeiros “cazapantasmas” conquistaron ao público provocando unha mestura de medo e risas, fórmula que ten continuado desde entón con outras cinco películas. Nesta última, de 2024, os heroes de nova xeración suman forzas cos da vella escola para salvar ao mundo dunha segunda idade de xeo.
Tamén de 2024 é a seguinte película que se vai proxectar no ciclo “Cedeira polo cine”, o mércores 16 de xullo. Trátase de “El Especialista”, a historia dun doble de películas de acción que vén de superar un accidente que casi remata coa súa carreira e que ten que localizar a unha estrela de cine desaparecida, ao tempo que resolve unha conspiración e tenta recuperar o amor da súa vida. Todo iso, sen deixar de lado o seu peculiar traballo diario.
As dúas últimas películas en cartel son españolas. “Menudas piezas”, a cinta que se pasará no Auditorio o día 17 de xullo, conta a historia de Candela, unha profesora que enfía un traumático divorcio e a perda do seu traballo nun colexio de elite. Ten que volver ao seu barrio, coa familia á que antes miraba por enriba do ombro e dar clases no seu antigo instituto a rapaces con problemas de integración. Unha historia para aprender sobre o que é importante.
“Cuerpo Escombro” é a última cinta do programa e verase o 24 de xullo. É unha comedia sobre a discapacidade, na que o actor Dani Rovira interpreta a un home que, animado polo seu irmán, decide facerse pasar por paralítico cerebral para conseguir un traballo. A misión resulta ser máis difícil do que parecía en principio.