Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CEDEIRA CELEBRARÁ ESTE SÁBADO O SEU DESFILE DE ENTROIDO, QUE REMATARÁ CUNHA VERBENA NA PRAZA ROXA

Catro comparsas e catro grupos participarán este sábado no desfile de Entroido organizado polo Concello de Cedeira, nunha edición que se viu sen dúbida mermada polas malas condicións meteorolóxicas das últimas semanas. Desde o goberno local indicaron que o prognóstico do tempo para a tarde do sábado permite confiar no correcto desenvolvemento do programa, que comenzará ás seis tarde coa saída do desfile desde a estación de autobuses e a súa chegada á praza Roxa, onde está instalada unha carpa baixo a que se vai celebrar unha verbena amenizada polo grupo La Conexión.

As comparsas van das 12 ás 33 persoas da máis numerosa, e tres delas participan con carroza, o mesmo que tres dos catro grupos -a categoría para colectivos de entre 3 e 9 persoas-. Tamén inscribíronse no concurso dúas parellas e dous disfraces individuais. Como en anos anteriores, o desfile irá pola avenida Castelao, dará a volta ás dúas pontes e rematará na praza Roxa. Alí as comparsas e grupos participantes poderán subir ao escenario para cantar e bailar e o xurado designado polo Concello valorará o vestiario, maquillaxe, o traballo feito a man, o emprego de materiais de refugallo, orixinalidade, coreografía, letra e música empregadas, simpatía e número de participantes. Darase a coñecer o fallo e entregaranse os premios antes do comezo da verbena.

Cómpre apuntar que o desfile do sábado abrirá o programa de Entroido do Concello de Cedeira, que continuará os días seguintes. O domingo, día 15, haberá xogos e obradoiros na praza Roxa, de 17.00 a 20.00h. Para a noite do luns, a partir das 23.30h, está programada unha nova verbena nocturna na praza Roxa, desta volta coa orquestra Salsarena. O martes 17, de 17.00 a 20.00h, haberá inchables e máis xogos no Polideportivo Municipal.

Por outra banda, mañá venres, día 13, o Auditorio de Cedeira acollerá a terceira e derradeira representación do ciclo de teatro amador “Fusa Guillén”. O grupo de teatro da asociación ortegana O Bicho da Barra representará a peza “All you need is war”, ás 20.30h e con entrada de balde. É un comedia coral, con dramaturxia de Agustín Bolaños, que toma como base textos teatrais de diversas procedencias con temáticas bélicas. Cunha posta en escena baseada na interpretación pura, sen apenas artificios, utiliza a comedia absurda, surrealista, para achegarnos a través da risa unha crítica aos conflictos armados.

Back to top