Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA SOMETE A EXPOSICIÓN PÚBLICA O REGULAMENTO DO CONSELLO DA MEMORIA DEMOCRÁTICA

O Concello de Cedeira ten sometido a exposición pública o regulamento do Consello Sectorial da Memoria Democrática, un novo órgano que se vai constituír como espazo de participación para o asesoramento, a información, o debate, o estudo e a presentación de propostas dirixidas, entre outras cousas, a favorecer a reparación e dignificación dos veciños e das veciñas que sufriron danos polo golpe de estado de 1936, a Guerra Civil e a ditadura.

O novo Consello Sectorial da Memoria Democrática do Concello de Cedeira xurde ao abeiro da Lei de Memoria Democrática 20/2022, de 19 de outubro, adscrito á área de Participación Cidadá e con carácter consultivo. Os seus obxectivos serán prestar asesoramento nos asuntos relacionados coa aplicación da devandita lei no municipio, así como favorecer a reparación das vítimas, a investigación e a difusión dos aspectos e episodios históricos ou sociais que fosen silenciados ou terxiversados en Cedeira pola ditadura franquista.

Estará presidido pola persoa que ostente a Alcaldía, co concelleiro ou concelleira responsable de Participación Cidadá na vicepresidencia. Serán vogais un representante de cada grupo político municipal, ata tres representantes das entidades de memoria histórica e historiadores/as ou investigadores/as de recoñecido prestixio no ámbito do traballo memorialista nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Segundo o regulamento, o Consello reunirase unha vez ao semestre con carácter ordinario.

O regulamento do Consello Sectorial da Memoria Democrática do Concello de Cedeira foi aprobado en pleno o 25 de setembro, e publicado no Boletín Oficial da Provincia o pasado 13 de novembro. Comezou así o período de 30 días de exposición pública. Todo o texto pode consultarse nas seguintes ligazóns.

VER PDF REGULAMENTO DO CONSELLO SECTORIAL DA MEMORIA DEMOCRÁTICA DO CONCELLO DE CEDEIRA

VER PDF ANUNCIO APROBACIÓN INICIAL DO REGULAMENTO DO CONSELLO SECTORIAL DA MEMORIA DEMOCRÁTICA DO CONCELLO DE CEDEIRA

Back to top