A XUNTA DE GOBERNO DE CEDEIRA APROBA O PROXECTO DA PONTE DE MADEIRA PARA O TRÁNSITO PEONIL DO SARRIDAL
A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou na súa última sesión o proxecto técnico para a construción dunha pasarela de madeira no castro Sarridal e a solicitude á Deputación Provincial dunha subvención, ao abeiro do programa para actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural público ou de xestión municipal, para custeala. A previsión é que a obra, orzamentada en 42.295,64€, sexa financiada con 33.837€ da devandita liña de axudas da Deputación e 8.459,64€ de fondos municipais.
A pasarela de madeira vai permitir realizar escavacións arqueolóxicas na zona pola que vai o camiño en dirección ao Castelo da Concepción, xunto ás estruturas castrexas xa exhumadas, sen que os traballos afecten ao tránsito peonil. Estímase que co levantamento desta área poderá completarse a descuberta do foxo, o pavimento e o muro do castro.
Hai uns oito anos que o Concello de Cedeira impulsou a escavación do castro Sarridal, contando co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio. Ambas as dúas institucións foron alternándose desde entón no financiamento das sucesivas campañas de exhumación e consolidación dos restos, que se revelaron como un dos xacementos castrexos máis importantes do noroeste peninsular. Ditas campañas permitiron verificar que o asentamento estivo habitado cando menos desde o século IV antes de Cristo ata o IV despois de Cristo, de maneira que os restos corresponden á época castrexa e tamén posteriores, da galaico-romana.