Ciclo Cantos e Contos ao Solpor
-
Data
27 de Setembro de 2025
-
Horario
20:00
Un ano máis a oralidade colle protagonismo en Cedeira no mes de setembro co Ciclo Cantos e Contos ao Solpor, que chega xa a súa XI edición e que de novo se desenvolverá por diferentes parroquias. Desta volta o programa comezará o 6 de setembro no local da Asociación de Veciños de Santalla, coa proposta de narración oral e música de Cris de Caldas e Amor Herrera “De ida e volta”, e repetirase os seguintes tres sábados do mesmo mes.
“De ida e volta” é un espectáculo creado para non esquecer vidas como a de Dolores, quen levaba a morriña pegada á saia a modo de esperanza. Ou a de José, quen fuxía dunha guerra que non ía con el. Vidas que só parecen lonxanas para quen non ten memoria nin empatía. Este espectáculo de narración oral tamén busca, precisamente, evitar o esquecemento que nos condena a unha falta grave de humanidade. Poesía, música e cancións en directo para coñecer o noso pasado e soñar cun mellor presente e futuro.
O sábado 13, no local da AAVV de San Román, será a quenda de Avelino González coa súa proposta “Chistes que foron contos”. Moitos dos chistes que se contan agora foron contos hai tempo, e en todas partes hai moito que contar. Rabuñando un pouco, en todas partes saen personaxes pintorescos ou importantes, lendas de mouras e tesouros, anécdotas e sucedidos tráxicos, cómicos ou amorosos. A toponimia, os xiros lingüísticos e o vocabulario do lugar onde se conte tamén son elementos fundamentais neste contar. E así créase un repertorio centrado no sitio no que se conta, no que se poderá recoñecer o lugar e a xente.
O sábado 20 o ciclo trasládase ao local da AAVV de Régoa da man de Carmen Conde, Tarabela Creativa, que achegará a función “O que non estaba escrito” que ten este título porque os relatos que Carmen conta non estaban escritos (certo!), mais tamén polo extraoficiais e polo especiais que son. Inspirados en todo canto apañou da oralidade, ficcionados pola propia Carmen nunha mistura indistinguible entre realidade e imaxinación e devoltos á voz falada, a través das narracións desta sesión para público adulto. Unha escolma na que ata a vida máis anónima roza o improbable e a maior normalidade choca co delirio. Unha sesión onde Carmen falará de curas que se namoran, faixas de millóns en casas de pobres, bebés nacidos de hortas, mulleres evanxelizadoras do pracer ou o primeiro explorador de buratos negros, entre outros…
O peche do ciclo terá lugar o sábado 27, na praciña do Pazo de Moscoso (fronte ao concello) e correrá a cargo de María da Pontragha e Bleuenn Le Friec coa proposta “Contos… entre cordas”. En “Contos… entre cordas”, recorremos un mesmo camiño en busca dun lugar común entre as nosas dúas formas de expresión. Entre a palabra e a música ideamos a maneira de achegar a arpa e o seu repertorio a lugares onde non adoita escoitarse. A música clásica faise máis cercana atravesada polos contos que traemos. Mostrarémosche o vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica, entre os contos e as cordas.
Todas as actividades están recomendadas para público adulto e serán ás 20.00h.