O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA AS OBRAS DE MELLORA DE 3,8 KM DE CAMIÑOS MUNICIPAIS CUN ORZAMENTO DE 83.310€
O Concello de Cedeira vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público os pregos para a contratación dunhas obras de mellora en catro camiños da zona rural que suman 3,8 km de percorrido. A intervención ten un orzamento de partida de 83.310,73€ e financiarase en parte con cargo ao programa de axudas que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) convoca cada ano para a ampliación, mellora e mantemento das pistas de titularidade municipal, xunto con recursos municipais.
A actuación afectará aos camiños de Bereixo, Santalla de Cervo, Lamelas e Arrasa. O primeiro e o último son os que presentan un maior deterioro da súa capa de rodadura debido a un mal drenaxe, polo que será preciso renovar a base de macadam do firme. A pista que vai de Vista Alegre a Bereixo, na parroquia de San Cosme de Piñeiro, ten 1.000 metros de lonxitude. Xunto coa colocación da devandita capa de macadam e o tratamento superficial do firme, será necesario neste caso tamén colocar un paso salvacunetas para garantir a condución da auga e manter o ancho do vial.
O camiño de Santalla de Cervo ten 1.200 metros, a mesma lonxitude que o de Lamelas, na parroquia de Santa María do Mar, mentres que o de Arrasa, situado tamén en Santalla, percorre 400 metros. En todos as obras consistirán na mellora do firme, incorporando novas capas de rodadura que garantan unha maior seguridade do tráfico rodado.
O prazo de execución das obras será dun mes. As empresas interesadas en presentar oferta ao concurso poderán facelo ata o día 6 de agosto.