Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CEDEIRA CELEBRARÁ UNHA NOVA EDICIÓN DA FESTA DO PERCEBE OS DÍAS 2 E 3 DE AGOSTO

A Confraría de Pescadores de Cedeira está preparando xa a nova edición da Festa do Percebe, o evento gastronómico de referencia do verán non só na vila senón en toda a contorna. A celebración -que cumpre 22 anos- terá lugar os vindeiros días 2 e 3 de agosto e promociónase cun simpático cartel no que dous percebes descenden en paracaídas sobre Cedeira. Como sempre, a iniciativa contará coa colaboración do Concello.

Baixo unha gran carpa situada no porto, distribuiranse arredor de 600 quilos de percebes e outros tantos de polbo para poder atender a grande afluencia de público que se xunta arredor desta festa. As racións serviranse nun horario amplo, que vai desde as 12 do mediodía ás cinco da tarde, para que os dous manxares poidan degustarse sen présa. O que non está decidido de momento son os prezos que, segundo se explica desde a Confraría, dependen de varios factores e só se poderán establecer nos días previos, cando se merca o produto. De feito, o percebe flutúa moito
ao longo do ano.

Para as persoas de fóra da vila que asistan á Festa do Percebe habilitarase unha zona de aparcamento no mesmo porto.

Ademais da parte gastronómica, o domingo -de 16:30 a 19:30- engadiranse á festa inchables terrestres e acuáticos así como kayacs dos que se poderá gozar na praia de Area Longa. A inscrición para participar nas actividades organizadas realizarase no mesmo momento e as peticións atenderanse por orde de chegada.

Back to top