Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

TECELÁS DA TERRA IMPULSA AS PRIMEIRAS BIBLIOTECAS DE SEMENTES DE GALICIA EN MAÑÓN, BETANZOS E CEDEIRA

O proxecto Tecelás da Terra, recoñecido co Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña 2025, presenta a apertura das tres primeiras bibliotecas de sementes de Galicia, unha iniciativa pioneira que comeza a súa andaina na provincia da Coruña, concretamente nos concellos de Mañón, Betanzos e Cedeira.

Este proxecto ecofeminista nace coa vontade de recuperar, conservar e compartir sementes tradicionais ao tempo que pon en valor os saberes vinculados aos coidados da terra e da vida. Tecelás da Terra traballa especialmente coa memoria e co coñecemento das mulleres do rural, protagonistas históricas da conservación das sementes e das prácticas agrícolas tradicionais.

A iniciativa constrúese a través dos Círculos de Sementeira, espazos de encontro e traballo colectivo nos que participan veciñas de diferentes xeracións unidas polo interese agroecolóxico. Estes círculos permitiron activar o tecido comunitario que sostén e dá sentido ás bibliotecas de sementes, entendidas como espazos vivos de intercambio e aprendizaxe colectiva.

As bibliotecas funcionarán como espazos comunitarios de intercambio: as persoas usuarias poderán levar sementes para cultivar nas súas hortas e devolver posteriormente parte das sementes obtidas na colleita, garantindo así a continuidade das variedades e o seu coidado colectivo. Parte dun sistema de confianza e responsabilidade comunitaria, de coidar o que é común e poñer en valor o legado histórico das sementes, facendo énfase na importancia de preservar a biodiversidade.

O proxecto finaliza coa actividade Sementando igualdade e abrindo as portas das bibliotecas municipais. O 23 de marzo ás 17:00 a Biblioteca de O Barqueiro – Mañón, converterase no primeiro espazo desta natureza en Galicia. Dous días despois, o 25 de marzo ás 11:30, terá lugar a apertura da biblioteca de sementes de Betanzos. Ese mesmo día, pola tarde, ás 17:00, inaugurarase tamén a biblioteca de sementes da Biblioteca López-Cortón de Cedeira.

Con esta iniciativa, Tecelás da Terra dá os primeiros pasos cara á creación dunha rede galega de bibliotecas de sementes, unha proposta innovadora que busca fortalecer as relacións entre comunidade, territorio e biodiversidade cultivada. Desde o proxecto agárdase que máis concellos e bibliotecas se sumen nos vindeiros anos, permitindo completar progresivamente un mapa de bibliotecas de sementes en Galicia que favoreza a conservación do patrimonio agrícola e a transmisión dos saberes asociados ao cultivo.

As bibliotecas de sementes nacen así coa vontade de tecer redes, recuperar o valor das sementes tradicionais e recoñecer os coidados da terra e da vida como parte fundamental do patrimonio cultural e ecolóxico do país.

Sobre Tecelás da Terra
Noelia, Tania e Raquel somos mulleres ecofeministas e educadoras sociais que cremos na forza do comunitario e nos saberes que nacen da terra. Movémonos entre sementes, palabras e encontros, aprendendo e compartindo coas persoas que manteñen vivo o legado das que viñeron antes ca nós. Gústanos crear espazos onde a memoria, os coidados e a vida cotiá se recoñezan como fontes de sabedoría. Tecelás da Terra nace deste desexo: honrar ás mulleres que gardaron sementes e coñecementos durante xeracións, e seguir tecendo rede para que eses saberes continúen medrando no presente e no futuro.

Contacto: tecelasdaterra@gmail.com / 667 38 42 21 (Tania)

Back to top