RESPIRA CEDEIRA. UN PERCORRIDO POLA VILA PARA A CONCIENCIACIÓN SOBRE A CONTAMINACIÓN
A partir do próximo venres 31 de outubro ata o domingo 9 de novembro realizaranse cinco xornadas desta ruta guiada gratuíta que ten por obxectivo a concienciación sobre a contaminación dun xeito creativo. As inscricións deberán realizarse a través do seguinte formulario: https://forms.gle/P3fd68cfCUxQKThd9.
A ruta sobre a contaminación consta dun percorrido circular que ten o seu inicio e o seu final no parque “dos patos”, e esténdese ao longo de 5 quilómetros cheos de patrimonio xeolóxico, biolóxico, paisaxístico e inmaterial.
O Concello de Cedeira ofrece esta visita guiada gratuíta en circo xornadas diferentes: o venres 31 de outubro (16:30 h), así coma o 1 (10:30 h), 2 (16:30 h), 8 (10:30 h) e 9 (16:30 h) de novembro. É precisa a inscrición a través do seguinte formulario: https://forms.gle/P3fd68cfCUxQKThd9.
Trátase dunha ruta moi sinxela e de gran valor natural. O traxecto segue o curso de Río Condomiñas dende case a súa desembocadura á Ría de Cedeira, ata chegar aos antigos Muíños de Malde. Durante todo o seu longo, pódese presenciar unha gran cantidade de diferentes tipos de árbores típicos dos bosques de Ribeira (salgueiros, ameneiros, loureiros, etc.), plantas (menta acuática, espadana, carrizos, etc.), garzas e algún que outro muíño que fala da gran importancia que os ríos tiñan noutras épocas. Con varios puntos de descanso e incluso cunha área recreativa, a ruta ten a ida e a volta practicamente polo mesmo trazado, solo modificado á volta na coñecida como Acea. Hai que remarcar que esta ruta pódese levar a cabo a día de hoxe gracias ao gran traballo da asociación Arce, que vela por manter o Río Condomiñas libre de vasoiras e plásticos, de coidar o seu ecosistema e que garda limpas as marxes do mesmo para poder transitar por el.
Este tipo de rutas enmarcadas no proxecto “Respira Cedeira” preséntanse como unha alternativa de ocio activo para a poboación local e visitante con diferentes perfís. Estas mesturan a divulgación sobre diferentes temáticas de interese do litoral, a posta en valor dos recursos da contorna e o turismo activo, grazas á colaboración de guías especializados.
O proxecto “Respira Cedeira” ten como obxectivo promocionar o patrimonio de Cedeira dende distintos ámbitos, creando produtos turísticos sostibles que axuden a desestacionalizar a actividade turística, crear relacións positivas co entorno e repercutir positivamente no desenvolvemento local. Foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.